As aves migratorias, en crise

Antonio Sandoval Rey asandovalrey@gmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

Óscar Cela

A ciencia alértanos de como os cambios ambientais globais afectan a moitas especies viaxeiras, e da importancia deste aviso

07 may 2014 . Actualizado a las 12:31 h.

Un dos moitos síntomas de que algo vai mal para a diversidade da vida do planeta é a paulatina desaparición dun dos fenómenos naturais máis espectaculares, fermosos e misteriosos: as migracións dos animais, e en especial das aves. A ciencia vénnos avisando desde hai poucas décadas de que o futuro non pinta ben para os grandes desprazamentos de norte a sur, e de volta despois, de ñus e cebras en África, renos en Norteamérica, baleas, tartarugas ou salmóns nos océanos... E de multitude de especies de aves a través de mares e continentes.

As migracións dalgúns animais seguen sendo un misterio. Por exemplo, a da anguía, que vén aos nosos ríos desde o mar dos Sargazos, no Caribe americano. Pero as doutros, sobre todo as das aves, son cada vez mellor coñecidas e estudadas, e confirman en demasiados casos esa tendencia. Un exemplo disto é o que estamos a comprobar este ano e o pasado a través da recompilación de observacións e escoitas de cucos entre todos os lectores de La Voz de la Escuela, e coa colaboración da Sociedade Galega de Ornitoloxía. Esta especie, outrora común en toda Galicia, é agora moi escasa nas comarcas do noso litoral. Non é a única. E a súa ausencia é un aviso que debemos escoitar.

Hai non moitos anos, os mineiros do carbón que traballaban a gran profundidade levaban consigo cada xornada ata as vetas máis profundas unha gaiola cun canario. Non era por gozar do seu canto e compañía, senón para que lles avisase en caso de perigo. O maior risco para quen han de gañarse a vida neses lugares é o escape repentino de gas grisú, capaz de provocar unha repentina e violenta explosión por mor de calquera faísca. Os canarios detectaban antes que ninguén ese gas, e mostraban ante el un inquedo comportamento e incluso desmaios. Ante estes sinais, os mineiros evacuaban a toda velocidade o lugar.

A desaparición das aves migratorias e as migracións en xeral é hoxe un aviso dese tipo. Os gases industriais que vimos liberando á atmosfera desde hai décadas, a contaminación de augas e chans, o uso abusivo de pesticidas, a substitución de áreas naturais por artificiais, a liberación de especies exóticas e tantos outros problemas ambientais globais son unha moi perigosa colección de riscos que todos os cidadáns do mundo, sexa cal for a nosa idade, debemos combater.

Hai moitos xeitos de facelo. É evidente que os máis poderosos decisores políticos, empresariais e financeiros son os máis responsables de adoptar medidas que empecen a pór fin a eses riscos. Pero non o é menos que calquera de nós, coa nosa actitude diaria, somos tamén capaces de inclinar a balanza na dirección adecuada. Por exemplo, limitando ao mínimo necesario o noso consumo de enerxía, evitando comprar produtos cuxa fabricación dane á natureza, denunciando os desmáns ambientais, ou contribuíndo a coñecer mellor a nosa contorna a través de proxectos como este que nos está permitindo saber máis da saúde de mostras poboacións de cuco. E tamén estudando moito. Si: estudar é fundamental non só para coñecer como funciona o mundo, tanto o máis próximo a nós como todo o planeta no seu conxunto. Tamén o é para, entre outras cousas, saber cales son os seus problemas, e por suposto os seus misterios e as súas máis fermosas paisaxes e espectáculos naturais. E para poder, dentro de non moitos anos, contribuír a desvelar eses misterios e celebrar esas fermosuras. Por exemplo, as migracións das aves e outros animais. E para conservalas para sempre.