Viaqua convoca a terceira edición do certame Relatos de Auga Intelixente
19 oct 2016 . Actualizado a las 04:00 h.Auga e literatura unidos nunha nova convocatoria do concurso escolar Relatos de Auga Intelixente, que chega este curso á súa terceira edición. Nel poderán participar alumnos de entre 12 e 17 anos que estuden ou residan nalgún dos municipios nos que a empresa do sector da auga Viaqua presta servizo. O certame ten como obxectivo contribuír á difusión da cultura da auga a través da literatura, para fomentar a participación activa no uso sostible da auga, así como concienciar a xente nova da necesidade de coidar o medio ambiente.
Para participar só hai que redactar un microrrelato, é dicir, unha narración que non supere as 200 palabras, que teña como tema a importancia da auga na sociedade e para a vida: o seu uso responsable, o coidado da contorna ou que entende o participante por cidade e auga intelixentes.
Por iso o xurado valorará especialmente a utilización da narración de palabras ou expresións como auga, medio ambiente, nivel do mar, contaminación, consumo, compromiso, cidade intelixente, auga intelixente. Tamén se terá en conta a presenza no relato curto dalgún sinal de identidade do lugar no que vive o participante.
O microrrelato, un por autor, como máximo, deberá estar escrito en ordenador, para o seu envío por correo electrónico, que se fará antes do vindeiro 31 de decembro. Os participantes poderán enviar os seus relatos por correo electrónico á dirección:
- certamenliterario@viaqua.gal.
PREMIOS
Estableceranse dúas categorías: unha para alumnos de ESO e outra para os de bacharelato e formación profesional. O autor do relato curto gañador en cada una das categorías recibirá un iPAD Mini e o segundo premio será un libro electrónico.
Os actos de entrega dos premios serán durante a semana do 22 de marzo do 2017, na que coincide o Día Mundial da Auga, nas cidades ou concellos dos gañadores de cada categoría.
Para máis información consulta as bases completas na web
- www.viaqua.gal