Quince anos do desastre do Prestige

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

O Prestige é remolcado para afastalo da costa galega, entre os cabos Touriñán e Vilán, mentres vai perdendo fuel dos seus tanques
O Prestige é remolcado para afastalo da costa galega, entre os cabos Touriñán e Vilán, mentres vai perdendo fuel dos seus tanques JOSE MANUEL CASAL

Que Galicia teña sufrido continuos desastres ambientais deste tipo ten tamén como causa o noso desaforado consumo de derivados do petróleo

08 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro luns 13 de novembro cúmprense 15 anos do inicio da peor catástrofe ambiental da historia de Galicia: a marea negra provocada polas idas e vindas fronte á nosa costa do gretado petroleiro Prestige ata o seu afundimento seis días despois.

Con bandeira de Bahamas, propiedade dunha sociedade con domicilio en Liberia e con armador e capitán gregos, o buque transportaba 77.000 toneladas de fuel que durante eses días, e sobre todo tras partirse en dous, impregnaron ata a desesperación primeiro as nosas costas e despois boa parte do litoral comprendido entre o norte de Portugal e o sur de Francia. Afundido a 3.600 metros de profundidade a 260 millas do cabo Fisterra, desde alí o Prestige continuou enviando fuel á superficie durante meses. As manchas, e as aves cubertas de petróleo, alcanzaron as nosas praias durante aquel chuvioso inverno.

Desde entón non volveu suceder no noso mar nada semellante. É máis: segundo publicaba La Voz hai un ano, esta década e media é o período máis longo de tempo transcorrido entre dúas mareas negras en Galicia desde a primeira, cando en 1957 o buque Janina derramou 10.000 toneladas de cru entre Galicia e Portugal.

Por que temos a mala fortuna de concentrar tantos desastres deste tipo? En primeiro lugar, debido á nosa situación xeográfica. Polo chamado corredor de Fisterra, unha especie de autoestrada de grandes buques situada a entre 40 e 70 quilómetros do cabo deste nome, circulan miles de barcos ao ano. Un exemplo: no 2015 pasaron 35.749. Deles, preto de 11.000 transportaban mercancías consideradas perigosas. Uns 4.000 eran petroleiros.

Logo está o mal tempo, claro. Aquí é onde algunhas das peores borrascas de outono e inverno alcanzan Europa tras atravesar libremente boa parte do Atlántico norte.

A iso hai que engadir moitas outras circunstancias. Entre elas, as deficiencias na construción e o control de seguridade deste tipo de buques ata hai non moitos anos. Tamén a confusa cadea de mandos, toma de decisións e asunción de responsabilidades dalgúns técnicos e decisores nos momentos de facer fronte a un episodio como é unha gran marea negra. De feito, o xuízo aos acusados polo desastre do Prestige foi o maior da historia de España en materia ambiental.

Pero hai unha causa maior, que a miúdo pasa desapercibida. Trátase do consumo desaforado de produtos derivados do petróleo a nivel global. Gasolina, gasóleo, queroseno, bencina, plásticos, asfaltos, aditivos, vaselinas, pinturas e moitos outros, dependen en maior ou menor medida do petróleo para a súa fabricación. Boa parte deles son, á vez, causantes da crecente concentración de CO2 na atmosfera do planeta. Unha concentración que, como soubemos a semana pasada, é hoxe a máis alta nos últimos 800.000 anos.

QUENCEMENTO GLOBAL

A peor consecuencia diso, ben o sabemos, é o quecemento global. Segundo acaba de alertar a Organización Mundial da Saúde, «a última vez que a Terra coñeceu unha cantidade de CO2 comparable foi hai entre tres e cinco millóns de anos: a temperatura era entre 2 e 3 graos máis alta e o nivel do mar era 10 ou 20 metros maior que o actual». De feito, esa podería ser a situación das costas do planeta ao fin deste século, segundo estas mesmas autoridades. Aí vai un dato sinxelo: se no 2002 a concentración de CO2 na atmosfera era de 373,15 partes por millón, este 2017 é de 403,3.

Se para algo deben servir os desastres como o sucedido hai quince anos é para aprender. Para corrixir erros. Para evitar que se repitan, tanto os dese tipo como os de calquera outro. Para saber afrontalos moito mellor. E desde a súa raíz, para que xamais sucedan. A previsión e a prudencia son as mellores armas contra as peores sorpresas, as improvisacións apresuradas e as concatenacións de malas noticias derivadas unhas doutras. Unha marea de gases de efecto invernadoiro impregna cada vez máis o aire que respira todo canto vive neste planeta, provocando enfermidades respiratorias alí onde máis se concentra, alteracións nas temperaturas, a subida do nivel de mares e océanos e moitas outras consecuencias.

Como detela? A resposta debe partir de cada un de nós, e de todos á vez. Ninguén somos alleos ás causas desa marea gasosa. Nin ás súas solucións. Como en tantas outras cousas, esperar que nos arranxen outros o problema é esperar en balde.

As peores mareas negras da historia e de Galicia

Segundo o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), só en termos de toneladas de cru derramado o Prestige ocupa o número 19 na lista das peores mareas negras a escala mundial. Do ventre do buque vertéronse ao mar 64.000 toneladas de fuel.

A peor de todas foi a provocada pola explosión da plataforma petrolífera Deepwater Horizon no golfo de México no 2010. O resultado foi a vertedura de 779.000 toneladas de cru.

O noveno posto ten tamén como escenario Galicia: as 108.000 toneladas derramadas polo Urquiola na ría da Coruña en 1976. No mesmo lugar, o Aegean Sea tinguiu o mar e a costa con 67.000 toneladas en 1992.

Podes consultar a lista completa, e a historia de moitos destes desastres en http://www.cetmar.org/documentacion/mareas_negras_catastrofes.htm.

O vertido de fuel e as aves mariñas

As aves mariñas adoitan ser o grupo de vertebrados máis afectados polas mareas negras, xunto coas tartarugas e os cetáceos. Moitas das súas especies están moi ameazadas.

Segundo a Sociedade Española de Ornitoloxía-SEO/BirdLife, en total acháronse nas praias de Portugal, España e Francia 23.131 aves tinguidas de petróleo como resultado do desastre do Prestige. Delas, 12.223 en Galicia. Das 6.120 atopadas vivas, só puideron devolverse ao mar 604. As especies máis afectadas resultaron ser o arao común (11.802), o carolo común (2.876) e o arao papagaio (3.854).

A partir desta información, e tendo en conta que, debido a diversos factores, só unha pequena porcentaxe dos exemplares petroleados son achados nas praias, aquel informe estimaba que o número real de aves afectadas oscilou entre 115.000 e 230.000. O profesor Jesús Domínguez, da Universidade de Santiago de Compostela, elevou máis tarde esa cifra a entre 250.000 e 300.000. A do Prestige foi unha das mareas negras máis mortíferas para as aves da historia do planeta.

As cifras da catástrofe

As consecuencias ambientais daquel desastre foron múltiples. O mesmo que as socioeconómicas. Por poñer un exemplo, preto de 2.500 barcos de pesca tiveron que permanecer amarrados durante aqueles meses, con evidentes consecuencias nas industrias de transformación, distribución ou conserva de peixe. O Estado español esixiu á sociedade de clasificación do barco unha indemnización de 1.000 millóns de euros no xuízo celebrado en Nova York entre o 2010 e o 2012. A demanda foi desestimada. En canto aos 4.300 millóns de euros en que cifrou a acusación as indemnizacións no xuízo da Coruña, a sentenza non identificou ningunha persoa nin entidade responsable do seu pagamento.

Os protagonistas do Prestige: a película

Imaxinade en clase que vos encargaron para a televisión unha película acerca dos sucesos que rodearon o desastre do Prestige. Ademais de pórvos de acordo acerca de cal será o argumento, teredes que identificar aos principais protagonistas.

Para iso, comezade por buscar información acerca daqueles feitos na hemeroteca dixital da Voz de Galicia, na web deste xornal. Quen era o capitán do barco? E o propietario da carga que transportaba? Quen tomou as principais decisións respecto de afastalo da costa durante días, desde os puntos de vista técnico e político? Quen se enfrontaron ao fuel que chegaba ás praias e rías co seu esforzo, de sol a sol? Quen se afanaron por salvar ao maior número de aves posible? Quen sufriron as peores consecuencias nas súas paisaxes e a súa economía?

Non deixedes de consultar a sentenza do xuízo arredor de todo aquilo para coñecer a opinión da Xustiza. Estivo toda a sociedade de acordo con ela? Este podería ser un bo final para a vosa película. Ou talvez non? Para terminar, podedes pórvos a pensar que actores poderían interpretar cada un deses protagonistas.