O milagre da propagación da vida mariña en «Sexo azul»

Francisco J. Franco del Amo

LA VOZ DE LA ESCUELA

A exposición «Sexo azul» do Aquarium Finiesterrae céntrase nas incribles posibilidades de reprodución sexual que se poden descubrir no fondo mariño, amais dunha mostra de arte relacionada co tema
A exposición «Sexo azul» do Aquarium Finiesterrae céntrase nas incribles posibilidades de reprodución sexual que se poden descubrir no fondo mariño, amais dunha mostra de arte relacionada co tema ANGEL MANSO

O Aquarium Finisterrae inaugura unha exposición sobre a reprodución dos animais e as plantas que viven na auga

23 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O sexo é unha trampa da natureza para que a vida non se extinga. A frase, atribuída ao filósofo alemán Friedrich Nietzsche (1844-1900), resume de forma moi elocuente a grande importancia que a reprodución sexual tivo para a evolución das especies.

Os seres vivos máis antigos que se coñecen foron microorganismos que viviron no mar hai 4.280 millóns de anos. Por iso os biólogos cren que a vida na Terra orixinouse no océano, o que significaría que a evolución leva funcionando na auga moito máis tempo que en terra. Dito doutro xeito, suporía que os seres vivos acuáticos inventaron moitas das solucións que logo foron utilizadas polos terrestres para sobrevivir mellor no noso planeta. E non cabe dúbida de que o sexo foi un dos seus mellores inventos.

A reprodución sexual evita que as mutacións xenéticas perniciosas se acumulen xeración tras xeración. Por iso influíu tanto na evolución e é a favorita de millóns de especies, a pesar de que require moito máis esforzo e enerxía que a reprodución asexual. Pero reproducirse na auga ten os seus inconvenientes. Debido á peculiar natureza do medio, os seres acuáticos non teñen nada fácil atopar parella, aparearse ou ter crías.

Para presentar estes e outros temas relacionados coa reprodución sexual dos organismos acuáticos o Aquarium Finisterrae inaugurou Sexo azul, unha exposición temporal interactiva que contén 20 módulos con seres vivos, pezas de museo, modelos, pantallas táctiles, xogos, aparellos interactivos e ilustracións. Nos dez acuarios que forman parte da mostra viven especies de animais e plantas que, ao longo do proceso evolutivo, conseguiron atopar solucións sorprendentes para superar as dificultades que supón reproducirse na auga.

CON MOITA ARTE

Outro aspecto destacable da exposición é que contén varias obras de arte. Os tres grandes murais que abren e pechan a mostra son obra do ilustrador galego Miguelanxo Prado, galardoado con varios premios internacionais e co Premio Nacional do Cómic do 2013. Tamén forma parte de Sexo azul unha colección de tratados antigos de historia natural, procedentes da biblioteca do Aquarium Finisterrae e que nunca antes foran amosados ao público. As ilustracións destes tratados son obra de importantes gravadores europeos dos séculos XVIII e XIX, como James Heath (1757-1834), un ilustrador inglés que foi membro da Royal Academy e que traballou para Xurxo III e outros soberanos británicos. Ademais, un dos módulos principais da exposición, a instalación Sex machine, é unha escultura colectiva construída con pezas elaboradas polos visitantes do Aquarium Finisterrae que participaron en varios talleres de arte efémera.

Un catálogo de recursos inimaxinables

APAREARSE SEN CASE MOVERSE

No primeiro acuario da exposición viven as lapas zapatilla (Crepidula fornicata), uns moluscos mariños que solucionaron dunha forma peculiar o problema que supón aparearse cando se vive fixo ao chan e cunha capacidade de movemento moi limitada. Estas lapas viven amoreadas unhas sobre outras, coas femias de maior idade ocupando a parte inferior da pía e os machos novos situados na superior.

O pene dos machos ten unha lonxitude varias veces superior á do seu corpo, polo que pode alcanzar as femias da base sen ter que moverse. Cando morren as femias adultas, os machos cambian de sexo e ocupan o seu lugar. É entón cando producen substancias capaces de atraer a outros para que se unan ao grupo. En Galicia e outros lugares de Europa, a lapa zapatilla é un especie invasora. Chegou a través do cultivo das ostras xaponesas (Crassostrea gigas) e americanas (Crassostrea virginica).

DANZAS NUPCIAIS

Tanto fóra coma dentro da auga, atraer a unha parella non é cousa fácil. Moitos animais mariños conségueno utilizando complexas danzas nupciais que tamén son útiles para escorrentar aos competidores e evitar as respostas violentas das femias. O gobio mandarín (Synchiropus splendidus), un peixe tropical que pode verse noutro dos acuarios da exposición, é un bo exemplo de peixe bailarín.

NIÑOS DE AMOR

Construír unha boa casa tamén axuda a atopar parella. O espiñento (Gasterosterus aculeatus) é un peixe de auga doce que fabrica magníficos niños utilizando plantas unidas con substancias pegañentas que se endurecen en contacto coa auga. Comeza a construción elixindo unha pequena morea de algas que logo completa engadindo anacos desde a base ata a cima. Cando termina, busca unha femia á que lle atraia o seu niño e aparéase con ela.

A mala noticia é que ambos os proxenitores morren tras o nacemento das crías. O famoso etólogo holandés NikolaasTinbergen (1907-1988), que recibiu o premio Nobel de Medicina en 1973 xunto con Konrand Lorenz e Karl von Frisch, foi quen descubriu o complexo ritual amoroso deste peixe, que vive en moitos ríos galegos.

NACEMENTOS VIRXINAIS

Nalgunhas especies de animais as femias poden reproducirse ocasionalmente sen a intervención dos machos. Conségueno engadindo aos seus ovos un conxunto extra de cromosomas, de modo que producen clons de si mesmas. Nos peixes, este modo de reprodución, que se coñece como partenoxénese, é moi infrecuente. Só sucede cando os machos escasean ata o punto de pór en risco a continuidade das poboacións.

É o que ocorre no caso do melgacho rabilongo de manchas brancas (Chiloscyllium plagiosum), unha pequena quenlla que é quen de clonarse para orixinar novos individuos que tamén son capaces de ter descendencia por ese sistema.

XOGOS DE ROL

En moitas familias de peixes son os machos os encargados de coidar ás crías. Así sucede nos signátidos, que é a familia á que pertencen os cabaliños de mar e os peixes pipa. As femias dos cabaliños de mar depositan os ovos na bolsa abdominal dos machos, que os fertilizan e incuban durante varias semanas. Unha vez finalizado o desenvolvemento, o macho expulsa aos pequenos hipocampos completamente desenvolvidos mediante contraccións da súa bolsa.

CAMBIAR DE SEXO

Nos animais acuáticos as fronteiras entre sexos son menos ríxidas que nos terrestres. En moitas especies, tanto de vertebrados como de invertebrados, os individuos nacen e desenvólvense pertencendo a un sexo para logo cambiar a outro. Diversos factores ecolóxicos ou sociais activan estes cambios, que poden suceder en ambos os sentidos, e que non só supoñen que mute o aspecto, senón tamén que se desenvolvan novos órganos xenitais.

Incluso existen animais acuáticos que son macho e femia á vez e compórtanse dun modo ou outro segundo as circunstancias.

O serrán pálido (Serranus tortugarum), que é posible ver na exposición, é un peixe hermafrodita que pode chegar a cambiar de sexo ata vinte veces ao día. Forma parellas estables que se reúnen á noitiña nos refuxios de desova. Tras unha danza que contribúe a fortalecer a súa unión, un dos peixes asume o rol feminino e realiza a primeira posta, que a súa parella se apresura a fertilizar. Logo, ambos cambian de sexo e asumen a súa nova tarefa. Esta estratexia permítelles pór unha maior cantidade de ovos.

COIDAR A PROLE

Os animais mariños son moi diversos no que se refire ao coidado dos ovos e as crías. A maior parte das especies non coidan a proxenie. Liberan a posta directamente no medio no que viven ou agóchana en cavidades ou entre a vexetación. Tamén existen especies que coidan os ovos ata que eclosionan. Colócanos nun niño ou nunha zona segura do fondo mariño onde os limpan, osixenan e manteñen a salvo ata que nacen as crías. Os cíclidos son peixes que coidan as súas crías. Algunhas especies mesmo transportan os ovos fertilizados na boca ata que eclosionan. Outras carrexan as larvas recentemente nadas ata que crecen e son capaces de valerse por si mesmas.

Na exposición pode verse un peixe que aprendeu a aproveitarse desta circunstancia. Trátase do peixe gato cuco (Synodontis multipunctatus), que espera a que os cíclidos poñan ovos para eliminalos e substituílos polos seus. Así consegue que as femias doutra especie os recollan na boca e os coiden coma propios.

PEZAS SINGULARES

Entre as pezas de museo que poden verse en Sexo azul destaca un modelo a escala do peixe fósil Microbrachius dicki, que foi o primeiro vertebrado coñecido que practicou unha cópula. A peza foi esculpida a partir das imaxes publicadas polos descubridores do fósil na revista Nature. Os machos desta especie posuían xenitais de óso en forma de L, que utilizaban para agarrarse á femia durante a cópula. Pertencían ao grupo dos placodermos, que foron os devanceiros dos vertebrados actuais. Destes animais herdamos as mandíbulas, os dentes, os dous pares de extremidades e, tal e como revelou o novo descubrimento, tamén o sexo.

ATA QUE A MORTE NOS SEPARE

O Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid achegou á exposición o modelo dun demo mariño (Ceratias holboelli) que forma parte da súa colección. Estes peixes abisais teñen unha das formas de reprodución máis peculiares da natureza. Durante moito tempo pensouse que eran hermafroditas porque só se pescaban femias. Pero logo descubriuse que o que sucede en realidade é que o macho, de tamaño diminuto, adhírese á femia nunha zona próxima á súa abertura xenital e fusiónase con ela para sempre. É un modo extremo de asegurar o emparellamento nun medio en que os encontros entre individuos son moi ocasionais.

Os diaños mariños pertencen á familia Ceratiidae. Só se coñecen catro especies que viven a gran profundidade en augas tropicais e tépedas de todo o mundo. Os machos nacen sendo individuos independentes, pero logo o seu sistema dixestivo vaise atrofiando progresivamente, polo que necesitan ás femias para sobrevivir. Para atopar parella guíanse polas feromonas femininas. Unha vez que o macho se adhire á femia, segrega encimas que dixiren a pel e os seus vasos sanguíneos conéctanse aos dela. Ao cabo do tempo, do macho só quedan as gónadas, que producen seme en resposta á secreción de hormonas femininas.

VIXÉSIMO ANIVERSARIO 

  • Este ano o Aquarium Finisterrae celebrará o seu vixésimo aniversario. Inaugurouse o día 5 de xuño de 1999. A data coincidiu co Día Mundial do Medio Ambiente e co segundo centenario da saída do explorador alemán Alexander von Humbodt (1769-1859) do porto da Coruña para iniciar a súa expedición por América.
  • Desde a súa inauguración, a Casa dos Peixes coruñesa recibiu máis de cinco millóns cincocentos cincuenta mil visitantes e presentou 77 exposicións. Un 30 % dos visitantes do museo foron escolares que tiveron a oportunidade de ver as máis de duascentas especies de animais e plantas que forman parte da colección biolóxica do Aquarium.