Unha bóla de lume cruza o firmamento

Marcos Pérez

LA VOZ DE LA ESCUELA

O kitesurfista Dorian Cieloch e o bólido que o fixo famoso (nunha captura do vídeo que el mesmo subira a YouTube sen terse decatado do que gravara
O kitesurfista Dorian Cieloch e o bólido que o fixo famoso (nunha captura do vídeo que el mesmo subira a YouTube sen terse decatado do que gravara YouTube

Un kitesurfista subiu un vídeo a YouTube no que se pode ver por uns instantes un meteorito

02 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 12 de setembro o kitesurfista Dorian Cieloch subiu á súa canle de YouTube o vídeo que gravara poucas horas antes navegando nunha praia preto de Wremen, no norte de Alemaña. Cieloch ten preto de alí unha tenda dedicada ao kitesurf e adoita colgar na rede social demostracións dos artigos que vende.

Aos poucos minutos de subir o seu último vídeo, alguén chamou a atención nun comentario sobre un obxecto brillante que aparece durante uns segundos mentres o surfeiro fala á cámara sen decatarse do que ocorre ás súas costas. As imaxes mostran un espectacular bólido, un meteoro tan brillante que se ve perfectamente como unha bóla de lume pasando a gran velocidade.

Cieloch non chega a velo, pero o fenómeno chama a atención de miles de persoas en Alemaña, Holanda, Bélxica, Dinamarca e mesmo o Reino Unido. Ao longo do día case 600 persoas contactaron desde estes países coas redes internacionais que estudan os meteoros, a American Meteor Society e a International Meteor Organization, para deixar constancia do que viran.

Tamén aparecen algúns vídeos máis, algúns gravados desde o cadro de mandos de coches en movemento ou procedentes de cámaras de seguridade. Un pequeno observatorio astronómico logra rexistralo cunha cámara que escruta o firmamento durante as 24 horas do día, pero ningunha desas gravacións alcanza a notoriedade da que Cieloch obtén sen querer mentres se desliza pola auga.

Combinando a información que se deduce das imaxes cos informes das testemuñas, os astrónomos lograron reconstruír a traxectoria do bólido. Todo indica que se dirixía cara ao noroeste, cun voo que parece finalizar preto de Reins, en Dinamarca, polo que é probable que algún fragmento chegase a caer en terra firme.

O METEORO

Asumindo que a súa densidade é a típica dos meteoros de tipo rochoso, uns 3 gramos por centímetro cúbico, tratábase dun obxecto de 12 toneladas e uns 2 metros de diámetro. A velocidade de entrada na atmosfera calcúlase nuns 18,5 quilómetros por segundo, dez veces máis que a dunha bala de rifle. Se a Terra non tivese atmosfera, ou esta fóra moito máis tenue, o impacto tería causado danos importantes.

Todos os días chegan á Terra unhas 100 toneladas de material procedente do espazo, a maior parte en forma de po ou pequenas partículas do tamaño de grans de area. Se alcanzan a atmosfera durante o día, adoitan pasar desapercibidos, pero en noites despexadas dan lugar ás populares estrelas fugaces. Obxectos de entre dous e cinco metros, capaces de producir bólidos como o que describe esta noticia, obsérvanse unhas poucas veces ao ano e de cando en cando chéganse a recuperar fragmentos no chan.

Con todo, cada 2.000 anos, aproximadamente, un obxecto dun centenar de metros impacta contra o noso planeta causando danos importantes en áreas relativamente extensas. En condicións ideais os astrónomos poderían detectalos con suficiente antelación como para evacuar as zonas en perigo, e xa existen proxectos para desviar obxectos de certo tamaño que seguen un rumbo de colisión coa Terra.

Astronomía viral

Bota unha ollada ao vídeo que dá lugar a esta noticia en https://youtu.be/mWZqMqDaK90. Busca algún outro relativo a este evento, identificado pola American Meteor Society co código AMS #4385-2019, e compara o número de visionados que ten cada un. Cal mostra mellor o bólido? Cal che parece máis útil para determinar a súa natureza e traxectoria? Por que cres que o do kitesurfista é o que ten máis visitas? Canto tempo pasas cada día vendo vídeos e de que tipo son os que máis che interesan? Algunha vez aprendiches algo de ciencia nun deles? Se é así, foi como resultado dunha procura ou chegaches alí por casualidade? Cres que YouTube pode ser unha boa ferramenta para utilizar en clase? Por que? Como convencerías aos profes para que a incorporen á aula?

O meteorito de Arquímedes

Nesta noticia dise que a densidade típica dos meteoritos rochosos é de 3 gramos por centímetro cúbico. Como se compara este valor coa densidade dun anaco de granito? E coa dun de pedra pómez? E dunha roca calquera que recollas no campo e da que descoñezas a súa composición?

Estas preguntas teñen unha resposta experimental moi interesante se empezas polo principio (de Arquímedes). Xuntádevos en grupo e deseñade un experimento para medir a densidade de diferentes rocas. Unha vez deseñado, levádeo a cabo.