![O desenvolvemento das competencias debe estar integrado nas materias](https://img.lavdg.com/sc/0Gm3hLNnbndfyMWHRT3jDYW-Q40=/480x/2019/10/29/00121572306602831837265/Foto/SEO30P4F24_04834.jpg)
Na primeira páxina de La Voz de la Escuela de hoxe fixámonos nas noticias que poden ser útiles para dar actualidade ás áreas académicas. Con todo, o sentido académico que a escola leva consigo vai moito máis alá. Non lle valen só as noticias tal cal, nin tampouco quere quedar coa simple análise (quen, que, onde, por que, como, cando, con que?) dunha soa noticia. O seu fin voa máis alto. Busca o alcance e desenvolvemento de competencias educativas. Por iso esta páxina fai unha pregunta clave: que competencias educativas poden irse logrando mediante o traballo coas noticias e agregarse así a esta festa do ensino de hoxe? Fonte: http.//tiny.cc/7y51ez
30 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Estas son as competencias que a noticia pode contribuír a desenvolver.
1. Competencia lingüística. Seguindo o texto dos documentos oficiais, «a competencia en comunicación lingüística (CCL) é o resultado da acción comunicativa dentro de prácticas sociais determinadas, nas cales o individuo actúa con outros interlocutores e a través de textos en múltiples modalidades, formatos e soportes. Precisa da interacción de distintas destrezas, xa que se produce en múltiples modalidades de comunicación e en diferentes soportes. Desde a oralidade e a escritura ata as formas máis sofisticadas de comunicación audiovisual ou mediada pola tecnoloxía, o individuo participa dunha complexa armazón de posibilidades comunicativas grazas ás cales expande a súa competencia e a súa capacidade de interacción con outros individuos».
2. Competencia matemática. «A competencia matemática implica a capacidade de aplicar o razoamento matemático e as súas ferramentas para describir, interpretar e predicir distintos fenómenos no seu contexto. A competencia matemática require de coñecementos sobre os números, as medidas e as estruturas, así como das operacións e as representacións matemáticas, e a comprensión dos termos e conceptos matemáticos (operacións, números, medidas, cantidade, espazos, formas, datos, etcétera)».
3. Competencias en ciencia e tecnoloxía. As competencias básicas en ciencia e tecnoloxía son aquelas que proporcionan un achegamento ao mundo físico e á interacción responsable con el desde accións orientadas á conservación e mellora do medio natural.
4. Competencia dixital / Aprender a aprender. Os dereitos e riscos no mundo dixital; a linguaxe específica, textual, numérica, icónica, visual, gráfica e sonora; as principais aplicacións informáticas, as fontes de información, crear contidos…
5. Competencias sociais e cívicas. Comprender códigos de conduta, os conceptos de igualdade, a non discriminación entre mulleres e homes, diferentes grupos étnicos culturais, a sociedade e cultura, saber comunicarse, ser solidarios, participar no desenvolvemento económico…
6. Sentido de iniciativa e espírito emprendedor. Sentido da iniciativa, espírito emprendedor, capacidade de análise, planificación e organización, actuar de forma creativa e imaxinativa. Comprensión do funcionamento das sociedades e organizacións, capacidade de xestión…
7. Conciencia e expresións culturais. Ter conciencia da herdanza cultural dos pobos, do patrimonio artístico, literario, filosófico, músico e de belas artes (pintura, escultura), aplicando diferentes habilidades de pensamento, sensibilidade e sentido estético.
O desenvolvemento máis amplo de cada unha destas competencias podes consultalo nesta dirección que nos explica brevemente en que consiste cada unha, por que é importante e como desenvolvela debidamente na aula nas súas tres variantes: saber, facer, ser.
- http.//tiny.cc/o051ez
METODOLOXÍA
1. Para unha adquisición eficaz das competencias e a súa integración efectiva no currículo deberán deseñarse actividades de aprendizaxe integradas que permitan ao alumno adquirir máis dunha competencia ao mesmo tempo.
2. As competencias clave deben estar integradas nas áreas ou materias das propostas curriculares, e nelas definirse e desenvolverse suficientemente os resultados de aprendizaxe.
3. As competencias deben desenvolverse nos ámbitos da educación formal, non formal e informal ao longo de primaria, ESO e bacharelato, e na educación permanente ao longo de toda a vida.
ACTIVIDADES E RECURSOS PARA O DÍA DO ENSINO
A1. Deseñar sete cadros distintos, cada un co título de cada unha das sete competencias básicas descritas, adornando cada un dos cadros con algún debuxo alusivo ao significado do título que leva.
A2. Buscar no xornal do día ou doutros días tres ou catro noticias que poidan ter relación co título da competencia que se indica no cadro.
A3. Indicar o título desa noticia, adornala cun debuxo de colleita propia, resumir a noticia en breves liñas.
A4. E, para que non quede alí soa, non esquecemos a aplicación práctica que esa noticia pode ter na materia que estudamos ou en calquera actividade que se nos ocorra pór en práctica, de forma que se cumpra iso que dicimos do xornal na escola. Merece o xornal na escola agregarse a ese xenial Día do Ensino?...
A5. Busca na web de Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es) a guía didáctica A noticia, na que hai múltiples xeitos de encarar a análise do xornal. A descarga en PDF é gratuíta.