IA e tecnoloxía inmersiva: a FP do presente mira o futuro

Laura Placer Breijo
LAURA PLACER REDACCIÓN / LA VOZ

LA VOZ DE LA ESCUELA

Coñece a FP: unha alumna do CIFP A Carballeira, de Ourense, practica nun simulador a condución dunha ambulancia
Coñece a FP: unha alumna do CIFP A Carballeira, de Ourense, practica nun simulador a condución dunha ambulancia MIGUEL VILLAR

Os centros de formación profesional de Galicia contan con centos de espazos onde a tecnoloxía forma parte da aprendizaxe no día a día

04 jun 2025 . Actualizado a las 09:49 h.

Imaxina que conduces unha ambulancia, completas un proceso de venda nunha tenda ou practicas nunha clínica dental, todo isto sen saír do teu centro de estudos. Pode parecer imposible, pero é unha realidade en decenas de centros de formación profesional en Galicia. Nos últimos anos, a FP galega está realizando unha forte aposta pola innovación tecnolóxica a través de diferentes proxectos. A dixitalización das aulas e a incorporación de recursos tecnolóxicos está supoñendo un salto de calidade no ensino que favorece aprendizaxes máis dinámicas, interactivas e adaptadas ás demandas do mercado laboral. 

Coñece a FP: no CIFP Rodolfo Ucha (Ferrol) hai unha tenda para que os alumnos practiquen non só a atención ao cliente senón todos os procesos que supón estar nun comercio
Coñece a FP: no CIFP Rodolfo Ucha (Ferrol) hai unha tenda para que os alumnos practiquen non só a atención ao cliente senón todos os procesos que supón estar nun comercio CESAR TOIMIL

Aposta pola tecnoloxía

Unha das vertentes da modernización da formación profesional en Galicia pasa polas contornas inmersivas. Poder simular nun centro de estudos unha infraestrutura da realidade laboral permítelles aos alumnos gañar confianza e aplicar na práctica o aprendido na teoría.

Este é o caso do CIFP Rodolfo Ucha, en Ferrol. As súas instalacións contan dende abril do 2022 cunha réplica dunha tenda a tamaño real con almacén robotizado. Rocío García, docente do centro, valora moi positivamente a implantación desta réplica, «onde se poden facer prácticas reais de venda». O local imita unha tenda de roupa como a que poderías atopar nun centro comercial, polo que os estudantes poden practicar decorar escaparates, pasar o ferro, dobrar, embolsar, cobrar ou interactuar con clientes. Na parte de almacén robotizado tamén poden traballar como se fai en grandes empresas loxísticas, aprendendo a dar directrices ás máquinas. Para Rocío García son moi enriquecedores este tipo de proxectos: «Ves como os alumnos se transforman», apunta. «Igual te atopas cun rapaz que nas clases teóricas está aburrido ou non ve o valor do que está estudando, e cando o pon en práctica na tenda cambia totalmente de actitude e ves que lle apaixona», comenta a profesora. García considera que grazas a esta infraestrutura «os alumnos se senten máis seguros para facer prácticas ou traballar en empresas», o que valora moi positivamente.

Tamén en Ferrol, pero neste caso no CIFP Leixa, contan cunha réplica dun espazo de traballo: unha clínica odontolóxica para o alumnado do ciclo superior de Hixiene Bucodental. As instalacións teñen simuladores virtuais, cámaras intraorais e escáneres para profundar no ensino práctico dun sector que avanza continuamente.

Non son os únicos centros en Galicia nos que a tecnoloxía inmersiva forma parte central dos programas. No CIFP Politécnico de Lugo presumen dunha aula 4.0 na que simulan contornas laborais con recursos físicos e virtuais grazas á realidade aumentada e á robótica colaborativa. No CIFP Coroso, de Ribeira, teñen simuladores de avarías en vehículos eléctricos, maquetas de coches e equipos de autodiagnose para que os alumnos practiquen como se estivesen nun taller. No IES San Mamede, de Maceda, os estudantes da familia de Informática e Comunicacións contan con aparellos de realidade virtual e aumentada, así como con ferramentas de impresión en 3D e cortadoras de gravado láser.

Coñece a FP: aulas prácticas para o ciclo de Hixiene Bucodental no CIFP Leixa (Ferrol)
Coñece a FP: aulas prácticas para o ciclo de Hixiene Bucodental no CIFP Leixa (Ferrol) CESAR TOIMIL

Máis experiencias inmersivas

En moitas ocasións, realizar prácticas realistas vólvese complicado ou case imposible nun centro educativo. Poida que polas limitacións das instalacións ou poida que polos riscos que implicaría que un estudante realice actividades potencialmente perigosas sen practicar. Para solucionar este problema xorden as contornas de realidade virtual que permiten ao alumnado adestrarse en situacións realistas de forma controlada, segura e accesible a través dunha aprendizaxe máis dinámica.

Un dos proxectos máis rechamantes teno en Ourense o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel. No centro contan cun simulador de condución de ambulancias e vehículos de emerxencias sanitarias, dous eidos nos que resultaría moi complicado practicar de forma realista. Noelia Fernández, coordinadora no centro de innovación e formación do profesorado, considera que «esas aptitudes non se poderían avaliar doutra maneira». Grazas á estrutura que simula unha ambulancia e a unhas lentes de realidade virtual, os alumnos poden facer como que conducen este vehículo por unha cidade, por zonas rurais ou en situacións de chuvia para gañar capacidade de reacción e soltura. Tamén poden practicar diversas situacións de emerxencias con varios tipos de pacientes, como nenos ou adultos. Para Fernández isto abre todo un mundo de posibilidades, xa que «a ensinanza teórica é imprescindible, pero en determinados aspectos a práctica é igual ou máis importante, e transmitir algúns coñecementos sen experimentar con eles resulta complicado».

Porén, o do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel non é o único centro no que se aplica a aprendizaxe en tecnoloxías inmersivas. Os simuladores son numerosos e están espallados por toda a xeografía galega. No CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) poden imitar un proceso de soldadura, no CIFP Someso (A Coruña) un de pintado airless, é dicir, sen usar aire comprimido, e no CIFP Politécnico de Lugo estas tecnoloxías aplícanse ao eido da prevención de riscos laborais, mentres que no CIFP Ferrolterra poden simular o pintado dun automóbil.

Coñece a FP: o programa Vetinen permite ao alumno interactuar con clientes en inglés de forma inmersiva; unha IA fai as veces de cliente e adáptase ás necesidades e nivel do alumno
Coñece a FP: o programa Vetinen permite ao alumno interactuar con clientes en inglés de forma inmersiva; unha IA fai as veces de cliente e adáptase ás necesidades e nivel do alumno Santi M. Amil
 

Intelixencia artificial

A IA está marcando os avances tecnolóxicos dos últimos anos, polo que as aulas non podían quedar fóra desta tendencia que chegou para quedar.

Un dos sistemas cos que estamos afeitos a interactuar son os chatbots. O proceso é sinxelo: nós podemos preguntarlles unha dúbida e eles contestan segundo un coñecemento previo que adquiriron. Esta é a premisa de OPI Orienta, unha ferramenta en desenvolvemento que permite resolver dúbidas sobre a FP. Neste caso, a IA foi adestrada con toda a información da Consellería de Educación sobre a formación profesional en Galicia. Deste xeito, ás preguntas dos alumnos contesta con información fiable e contrastada. Verónica del Río, orientadora do IES A Sardiñeira (A Coruña), valora moi positivamente a ferramenta, xa que permite «resolver dúbidas concretas cunha fonte de información fiable». Para ela este punto é moi relevante, porque, «se buscan libremente en internet, moitas veces reciben respostas moi xenéricas ou erróneas por non vir de información oficial». Del Río ve especialmente útil o programa como complemento das labores de orientación dos centros. «Nunca se pode substituír o traballo dos profesionais, pero ter respostas tan directas e fiables en canto a prazos de matrículas ou oferta educativa é moi positivo», valora.

Pero este non é o único proxecto con intelixencia artificial en Galicia. Dende o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros (Ourense) encárganse de sacarlle o máximo partido para aplicala na docencia. Con esa filosofía desenvolveron o proxecto Vetinen (Vocational Training Innovative English). Esta pioneira proposta consigue, grazas á IA e á realidade aumentada, formar en inglés a alumnos de todas as ramas de coñecemento. Durante a fase de adestramento, profesionais das diferentes familias formativas achegaron linguaxe técnica do seu sector e expresións comúns. Actualmente, sete centros poden traballar co proxecto piloto, no que os estudantes poden somerxerse nunha situación que imita un escenario real e interactuar cunha persoa en inglés. Nas próximas fases do proxecto espérase ir implantando a ferramenta no resto dos centros de ensino, xa que se pode utilizar tanto con gafas de realidade virtual como con cascos e un ordenador. María Jesús Carnero, directora deste centro de innovación, asegura que «o impacto está sendo moi positivo» e xa detectan «melloras na expresión oral e na fluidez dos alumnos». Algo que resulta de moita axuda son as correccións en tempo real que amosa a interface, que tamén recomenda expresións máis habituais. 

Coñece a FP: un profesor do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) obtén comida saudable nunha máquina de vending propia do centro
Coñece a FP: un profesor do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) obtén comida saudable nunha máquina de vending propia do centro Ramón Leiro

Centros de excelencia

Estes proxectos poden levar as aulas a ser líderes en innovación e formación especializada. Cando un centro logra ser referente pasa a formar parte da Rede Nacional de Centros de Excelencia en Formación Profesional. En Galicia, o uso de metodoloxías punteiras levou a cinco CIFP a acadar este estatus: Politécnico de Santiago, Someso (A Coruña), Ánxel Casal-Monte Alto (A Coruña), As Mercedes (Lugo) e Carlos Oroza (Pontevedra).

Este último non só conta con ferramentas innovadoras aplicadas ao mundo da hostalería, senón que tamén coordina un proxecto doutros centros de excelencia do resto de España. Nas instalacións pontevedresas pódense atopar cafeteiras conectadas na nube para monitorear o proceso de errogación, barra de mixoloxía con IA ou mesas táctiles para facer seguimento de catas de viños. Ademais, o centro conta cunha pioneira máquina dispensadora de comida saudable. Manuel Hermo, director do CIFP, valora moi positivamente esta idea, que permite «comer produto local cociñado con técnicas de cociña rexional e accesible as 24 horas do día», en contraposición co contido menos saudable que ofrecen as máquinas de autoservicio na actualidade.

Outro centro de excelencia é o CIFP As Mercedes (Lugo), cuxo proxecto estrela se usa incluso para axudar á xente fóra do ámbito educativo. Os alumnos da rama de Aeronáutica equiparon unha furgoneta para convertela nunha estación móbil de control de drons, tamén construídos por eles. A súa misión especial é o salvamento, xa que os drons están equipados con sensores térmicos que permiten atopar persoas, así como focos de incendios. Joaquín Expósito, director do centro, cre que é un proxecto moi enriquecedor, xa que «os chavales prestan un servizo á cidadanía a través dunha idea actual, moderna e útil».