«Os artistas non podemos estar nunha urna de cristal»

LEMOS

Hoxe haberá no auditorio municipal de Lugo un espectáculo artístico de denuncia da marea negra do «Prestige» e contra a guerra.

01 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?írculos Líricos ultima os perparativos do espectáculo A maré das negras ondas , que se poderá ver hoxe ás oito e media da tarde no auditorio Gustavo Freire, en Lugo. Un dos membros deste colectivo poético, Isidro Novo, fala da importancia de que os artistas se mobilicen ante situacións que consideran inxustas. -Os artistas e os poetas estamos para algo. Os artistas non podemos estar nunha urna de cristal, temos que ser reflexo da sociedade e denunciar os problemas. Hai outros momentos na vida onde podemos facer unha creación máis interiorizada. -¿Por que decidiron montar este espectáculo? -Pensamos que a xente colleu conciencia de defender a nosa terra e o noso mar. Será un acto de reivindicación, e de paso criticamos ó Goberno central e á Xunta por estar asumindo barbaridades como a dunha guerra inxustificada. -¿Como definides Círculos Líricos? -Somos un grupo de creación que intentamos facer cousas, sen esquecer que no noso manifesto de fundación está prevista a crítica social. Coa marea negra e a guerra déronse as circunstancias para A maré das negras ondas . -¿Como se desenvolve o espectáculo e quen vai participar? -Será moi sinxelo e esperamos non pasarnos dunha hora. Haberá espacio para moitas disciplinas, como poesía, danza, música, escultura, pintura e maxia. E ademáis xógase cos sons do mar. Participarán, entre outros, Lois Diéguez, Antom Fortes, o Mago Antón, o Mago Teto, Pilocha, Sara, María Alonso, Lomarti, Mónica Alonso, Ana Carreira y Xohán Rompe.