«Habería que repensar os usos do solo na zona rural»

LEMOS

Entrevista | Ramón Villares Paz Villares confía no futuro da zona rural pero é consciente da necesidade de recuperar poboación. Onte foi en Lugo o invitado do Foro Rural Galego

27 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O catedrático Ramón Villares reflexionou onte en Lugo sobre o papel do mundo rural na historia de Galicia e sobre cómo actualmente é unha influencia en decadencia. A conferencia de onte foi a primeira das programadas polo Foro Rural Galego, constituído recentemente na cidade. -Habería que repensar de cara ó futuro cómo se pode tratar o mundo rural. Ata agora existiu a tendencia da Unión Europea de producir máis en menos terras. No futuro vanse perder moitas, polo que habería que repensar os usos do solo como fórmula para combatir o urbanismo preventivo. -¿É unha solución ó despoboamento? -Hai que xerarquizar estes usos, hai que darlles outro sentido ós propios habitantes do campo. Temos que pensar en cómo recuperar poboación, pero non como agricultores senón como coidadores do medio ambiente. En vez de dar diñeiro para plantar alfalfa habería que subvencionar a un sector para coidar o medio ambiente. -¿Canto futuro lle queda ós pobos pequenos? -Uns quince ou vinte anos. Non temos só un problema de abandono, senón de envellecemento. A cidade resulta moi atractiva, pero non creo que o mundo rural estea abandonado. Simplemente está mal organizado. -¿Que solucións propón para atallar estes problemas? -Fan falla medidas de carácter financeiro e político, de dotación de servicios. Este problema é un reto importante. -¿E os macroconcellos? -É unha proposta aceptable. Temos que facer máis responsables ás propias institucións locais.