Numerosos monumentos de carácter único e importantes singularidades

La Voz

LEMOS

29 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

?s sete municipios que integran a Asociación Río Lor posúen numerosos atractivos únicos en Galicia ou especialmente singulares -tanto naturais como históricos e culturais-, que poden proporcionar un valor especial a calquera ruta turística. En Quiroga acaba de ser construído o primeiro miradoiro xeolóxico de Galiciaa, que permite contemplar o pregamento de Campodola, un dos monumentos naturais máis destacados de Europa. Neste municipio encóntrase ademais a lagoa de Lucenza, a única de Galicia de orixe glaciar. O Courel, pola súa parte posúe os soutos máis extensos da comunidade e algúns dos bosques máis valiosos de Península no que respecta á variedade de especies vexetais, como é o caso da Devesa da Rogueira. No apartado das construccións de valor histórico e etnográfico hai que consignar tamén numerosas singularidades. Na aldea quiroguesa de Bendollo está o único muíño de aceite galego restaurado e aberto ás visitas turísticas. Nos municipios de O Courel e Bóveda -en Seoane e Penacova, respectivamente-poden verse dúas das tres ferrerías tradicionais galegas que foron restauradas ata agora; a terceira encóntrase en Bogo, no municipio da Pontenova. En O Incio foi localizado en tempos recentes o foxo de lobos de maior tamaño que se conserva en Galicia. Esta peculiar construcción de orixe medieval, duns douscentos de metros de lonxitude, está ubicada na ladeira dun monte, nas proximidades da aldea de Monteagudo. Non obstante, necesita unha importante operación de restauración e limpeza para poder ser visitada. Minas romanas Os tres municipios da comarca de Quiroga, por outro lado, caracterízanse por reunir os vestixios máis importantes da minería romana en Galicia: os túneles de Montefurado, Paradaseca e Romeor e as minas de Torubio, Millares, A Toca, A Moá e Covas son as partes máis visibles e espectaculares deste vasto patrimonio. Polo que respecta á minería e a siderurxia antigas, no punto de unión dos territorios municipais de Samos, O Courel y O Incio encóntrase un monumento de excepcional valor: a única ferrería eólica localizada ata agora en Galicia, ubicada no lugar de Pena da Castra. No territorio da asociación están igualmente as catro únicas aldeas tradicionais do sur lucense que foron sometidas a un proxecto de restauración integral: Seceda e Cortes -no Courel-, A Seara -en Quiroga- e A Cubela, en Ribas do Sil.