Piden en Noia un Día das Letras Galegas para María Mariño

Isabel Ares NOIA

LEMOS

LEMAS

Cultura | Homenaxe A autora de «Palabra no tempo» viviu boa parte da súa vida no Courel, onde escribiu a súa obra e onde está soterrada

10 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Que a Real Academia Galega lle dedique o 17 de maio do próximo ano á poetisa noiesa María Mariño foi o desexo que pediron os escritores Anxo Angueira e María do Cebreiro na apertura, o xoves en Noia, nunhas xornadas dedicadas á autora de Palabra no tempo que se desenvolveron nesta localidade e en Boiro. Unha reivindicación á que tamén se sumou o historiador Xerardo Agrafoxo, que presentou o acto. A entidade cultural Barbantia, en colaboración cos concellos de Boiro e Noia e co centro comercial aberto Noia Histórica, impulsa esta homenaxe, que coincide co 99 aniversario do nacemento da escritora, soterrada en Seoane do Courel. Beatriz Quintela elexiu uns versos do poemario Verba que comenza para lerllos aos asistentes ao coloquio. Este libro foi publicado logo da morte de María Mariño, en 1991, por iniciativa do entón concelleiro de Cultura da vila noiesa, Antón Avilés de Taramancos. María do Cebreiro, pola súa parte, fixo unha documentadísima exposición, adobiada con múltiples referencias a libros e autores de dentro e fóra de Galicia. «Hai descritivismo en Palabra no tempo , pero non paisaxismo nin costumismo», sentenciou María do Cebreiro, aludindo ao único libro que Mariño publicou en vida. Engadiu que en Verba que comenz a, María Mariño participa dunha concepción moderna da poesía. Anxo Angueira lembrou que foi Avilés de Taramancos quen lle regalou un exemplar de Verba que comenza : «Gárdoo na miña casa como unha auténtica xoia». O tamén escritor recoñeceu que tiña conexións literarias con Novoneyra, pero negou que o imitara, como sosteñen algúns. «María Mariño non facía poesía popular, como tampouco Rosalía de Castro era ruralista», afirmou. As xornadas remataron onte cun recital poético e a inauguración dunha placa en Boiro, así como coa presentación dunha montaxe audiovisual sobre María Mariño realizada polo fotógrafo noiés Suso Xogaina.