En directo | Gastronomía e turismo Os organizadores da Feira do Viño de Belesar convocarán un certame de aturuxos na segunda edición da cita
27 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.? segunda edición da Feira do Viño de Belesar, prevista para os días 19 e 20 de maio, contará no seu programa cunha orixinal iniciativa. Os promotores do festexo gastronómico organizarán durante esas xornadas o primeiro Certame Internacional de Aturuxos, rescatando unha tradición galega que, segundo indican, ten unhas connotacións especiais nesta zona. Refírense aos «coñecidos desafíos» que nas épocas de vendima se intercambiaban os veciños das dúas beiras do Miño, gritándose uns a outros os tradicionais alcumes de «rabudos» -dirixido polos chantadinos aos habitantes do Saviñao e aos da Terra de Lemos en xeral- e «papeiros», dirixido por estes últimos aos vendimadores de Chantada. As bases do certame aínda non están fixadas, pero os organizadores adiantan que poderá presentarse quen o desexe e que o xurado escollerá a tres gañadores tendo en conta «a calidade do grito gutural, expansivo, agudo, forte e prolongado». Os tres galardoados na competición recibirán como premio outros tantos lotes de viño. O programa da festa, por outro lado, seguirá unha liña moi similar á da primeira edición. Seis adegas da zona ofrecerán degustacións dos seus viños, que se porán á venda xunto con outros produtos típicos locais, principalmente as cereixas, e durante as dúas xornadas ofreceranse diversas actuacións musicais. Os organizadores esperan ademais que este ano se incremente a presenza dos artesáns das comarcas de Lemos e Chantada. Polo momento, segundo explican, está prevista a participación dunha decena de expositores, aparte das mencionadas adegas. A organización, así mesmo, ten previsto organizar este ano un servizo de autobuses para trasladar aos visitantes desde Chantada e Escairón, seguindo o exemplo da Feira do Viño de Amandi. Visitas Os promotores do festexo, por outro lado, pretenden contribuír á promoción turística deste tramo do Miño ofrecendo aos visitantes a posibilidade de percorrer os camiños tradicionais da zona -sobre todo o dos Codos de Belesar, que forma parte do Camiño de Inverno- e de coñecer as adegas locais. O programa completarase posiblemte con paseos en barca polo Miño