Promoción vía satélite

LEMOS

As paisaxes típicas da Serra do Courel e da Ribeira Sacra teñen cada vez máis presenza en Google Earth

18 mar 2008 . Actualizado a las 10:30 h.

Nos últimos meses, a presenza das paisaxes e monumentos do sur lucense experimentou un importante incremento en Google Earth, no que participan voluntarios de todo o mundo, a través de Internet, para achegar fotografías que complementan as imaxes xeográficas tomadas por satélite que son a base deste coñecido programa informático. O pregamento de Campodola, en Quiroga -unha das paraxes de interese xeolóxico máis importantes da Península- é un dos lugares típicos da zona que son difundidos mediante imaxes neste programa.

A espectacularidade das paisaxes da Serra do Courel e do Canón do Silchaman especialmente a atención dos colaboradores de Google Earth, que están a editar cada vez máis fotografías tomadas nestas zonas. As aldeas restauradas de Seceda e A Seara ou as ribeiras do Lor e do Lóuzara son algúns dos detalles que poden descubrir os visitantes deste sitio web.

Canón do Sil

En canto ás imaxes da Ribeira Sacra, son especialmente numerosas as que corresponden ao tramo do Sil que vai desde Quiroga ata a desembocadura no Miño. As fotografías mostran desde múltiples puntos de vista os barcos turísticos, os precipicios do canón, as terrazas vitícolas, as presas hidroeléctricas, os miradoiros e algúns monumentos significativos, como o santuario de Cadeiras ou o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. As ribeiras do Miño, desde Portomarín aos Peares, tamén contan con unha ampla representación.

En certos casos, as fotografías non recollen estampas emblemáticas, senón determinados aspectos da paisaxe que chaman a atención dos voluntarios, como é o caso da imaxe dun tractor abandonado no campo cerca de Acedre, en Pantón. Os textos que acompañan estas imaxes utilizan sobre todo o castelán -en menor medida o galego- pero hai tamén comentarios redactados en inglés e en francés.