Os bosques do Courel e dos Ancares ocupan un espazo destacado na Rede de Observación Ambiental de Galicia que acaba de ser creada pola Xunta
25 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Os espazos naturais das serras do Courel e dos Ancares ocupan un lugar sinalado na Rede de Observación Ambiental de Galicia (Roaga), un novo sistema de control medioambiental presentado esta semana pola Xunta. Estes lugares foron escollidos polos técnicos da Consellería de Medio Ambiente para instalar dúas das oito estacións de vixiancia que conforman a chamada rede principal de ecosistemas terrestres, como lugares especialmente representativos do bosque autóctono galego. Estas instalacións estarán ubicadas en senllas zonas de bosque dos municipios do Courel e Baleira. As outras seis estacións que forman parte desta rede principal estarán situadas no parque natural coruñés das Fragas do Eume, nas serras ourensás do Suído, Xurés e O Invernadeiro e nos municipios pontevedreses de Caldas e Poio.
A Roaga constará ademais dunha rede secundaria de ecosistemas terrestres formada por un centenar de puntos de vixiancia, no que figuran os tipos máis característicos de formacións vexetais do territorio galego. No apartado correspondente ás carballeiras e fragas figuran catro paraxes situadas nas serras orientais lucenses, nos municipios do Courel, O Cebreiro, Baralla e A Fonsagrada. Outros espazos naturais da provincia de Lugo incluídos na rede secundaria da Roaga encóntranse nos municipios de Ribas do Sil (bosque de sobreiras), Becerreá (bosque de acivros), O Cebreiro e Navia de Suarna (bosque de cerquiños), A Pobra do Brollón, Quiroga, O Corgo, A Pontenova e Vilalba (bosques de ribeira), Sober, Friol e A Pastoriza (piñeirais de Pinus pinaster ), Guitiriz (piñeiral de Pinus radiata ), Chantada (matogueira de toxos), Monterroso (matogueira de queirugas), Abadín (turbeira) e Ribadeo (plantación de eucaliptos). Por outro lado, o municipio de Quiroga é o único de Galicia que figura nesta rede en representación do ecosistema de matogueira de carpazas.
Instalacións
Os espazos incluídos na rede principal de ecosistemas terrestres contarán con estacións permanentes que rexistrarán datos meteorolóxicos e escorrentías de agua. Nestes puntos e nos da rede secundaria efectuaranse ademais mostraxes periódicas sobre o estado da vexetación e da fauna e das condicións fisicoquímicas do chan.
En conxunto, a rede Roaga ten o obxectivo de realizar un seguimento a longo prazo dos principais ecosistemas galegos para coñecer a súa evolución e estudar as alteracións que poden sufrir pola acción humana ou por causas naturais, entre as que se inclúen evidentemente as que poden deberse ao cambio climático. Así mesmo, preténdese que os datos obtidos por este sistema de control sirvan de base para desenvolver políticas de xestión sostible dos recursos naturais da comunidade.