Oito autores do sur lucense contan actualmente con obras en galego publicadas en tempos recentes
07 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Como ven sucedendo con regularidade nos últimos anos, o próximo 17 de maio coincidirá no sur lucense cunha notable colleita de publicacións en galego debidas a autores da zona. Desde a celebración do último Día das Letras Galegas, diversos escritores naturais das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga foron publicando novas obras e na actualidade son oito os que contan con libros recentemente editados.
As últimas achegas a este patrimonio literario son do courelao Xesús Alfonso Parada e do carballedés Xosé Lois Ripalda. O primeiro deles, que se deu a coñecer o ano pasado co ensaio etnográfico Usos, costumes e cousas do Courel , acaba de publicar a súa primeira obra poética, A cor das uces , que se inspira novamente nas paisaxes e nas tradicións da serra courelá. Ripalda, pola súa parte, deu ao prelo A cultura do pan , unha versión corrixida e ampliada dun traballo anterior sobre as tradicións galegas relacionadas co trigo, o centeo e o millo.
Nas librerías acaba de aparecer igualmente O profesor de vegliota , a cuarta novela do escritor e xornalista monfortino Manuel Veiga. Este libro inspírase nunha obra realizada en 1971 polo falecido pintor e debuxante Reimundo Patiño -quen por certo residiu en Monforte durante unha parte da súa vida- e titulada O home que falaba vegliota .
Tamén é de recente publicación o libro de poemas Sextinario: trinta e seis + tres , que ven incrementar a abundante obra literaria de Marica Campo, natural do municipio do Incio. No terreo da poesía, o escritor chantadino Xosé Lois García fixo hai pouco tempo dúas achegas como editor e tradutor: unha Antoloxía dos poetas galegos en Cuba e a versión galega da obra Poesía anónima africana , do cubano Rogelio Martínez Furé.
Publicacións anteriores
Outros libros publicados durante o ano pasado por diversos autores da zona seguen estando actualmente en plena circulación. É o caso da terceira novela da monfortina Teresa Moure, Benquerida catástrofe , que no 2007 tamén deu a coñecer o seu primeiro traballo no campo da literatura infantil e xuvenil, A casa dos Lucarios . Moure, por outra parte, acaba de ver traducida ao italiano e ao holandés a súa exitosa novela Herba moura , galardoada no 2005 co premio Xerais e xa editada anteriormente en castelán, portugués e catalán.
Seguen estando tamén ben presentes no mercado as novelas O canto do muecín , do monfortino Lois Diéguez, e A lúa dos Everglades , do courelao Xesús Manuel Marcos, aparecidas ambas no 2007. Este último escritor acaba ademais de publicar a tradución castelá da súa novela xuvenil O brindo de ouro , aparecida no 2004. Forma así mesmo parte da actual oferta literaria o poemario No imo do tempo , do xa mencionado Xosé Lois García, que se encadra tamén na colleita do pasado ano.