José Besteiro Castaño é un dos integrantes da asociación Cohors III Lucensium, que leva o nome dunha unidade auxiliar do exército imperial romano composta ao parecer por recrutas de Lucus Augusti, a antiga cidade de Lugo. A pasada fin de semana, o empresario da Pobra do Brollón acudiu por vez primeira cos seus compañeiros de centuria a animar a Cata dos Viños de Vilachá.
-¿Dende cando forma parte da asociación?
-Dende que se fixo, haberá un ano, polo Arde Lucus, un pouco por animar a celebración. O presidente, Manuel Fernández, foi quen moveu o asunto e logo foise unindo xente de Lugo e doutros puntos da provincia. Hai socios da zona de Monforte, de Sarria, de Mondoñedo...
-¿Non bota para atrás cargar todo o día co traxe de romano?
-O traxe completo debe pesar sobre vinte quilos e levalo queima o seu. Cando o sacas, parece que medras unha cuarta, pero paga a pena polo ben que o pasamos. Eses bos momentos compénsano todo.
-Polo que parece, as súas «incursións» xa non se limitan a Lugo.
-Non. Despois do Arde Lucus chamáronos para a ir á Festa do Esquecemento, en Xinzo de Limia. Levamos un tráiler para montar o campamento romano e estivemos varios días acampados. Tamén fomos hai pouco ao Corgo e á Cata dos Viños de Vilachá, e agora chamáronos para unha festa en Ponferrada.