Un verán sen descanso

Natalia Díaz

LEMOS

O Concello de Monforte presentou onte o programa das actividades que se celebrarán nos meses estivais

24 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A concelleira de Cultura de Monforte, Alicia Cadarso, presentou onte o programa que recolle as actividades que se celebrarán durante o verán na cidade do Cabe e destacou que «practicamente durante todo o mes de agosto non hai un día sen actividades».

A primeira cita que terán os monfortinos será este fin de semana, 26 e 27 de xullo, na cuarta festa do río. Do 31 de xullo ao 2 de agosto a casa da cultura acollerá o curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela Violencia de xénero: aproximación aos aspectos psicosociais, legais e forenses dende unha perspectiva integral. Do 1 ao 5 de agosto celebrarase unha nova edición da mostra de artesanía Artelemos. O 2 dese mesmo mes terá lugar o Penela rock, no que actuarán Mitocondrias, The Soul Jacket, Anger e Ataquescampe. Os grupos Mal del Norte, Deaf noise, The band uit no name, Anger, Perpetual twilinght, Ycía, Full Stop, Doc Magoo's e Morphina actuarán en Monxove o 3 e 4 de agosto.

O día 6 dese mesmo mes proxectarase na praza de España o filme Pradolongo, de Ignacio Villar. Tamén será o escenario no que se celebrarán o 8 e 9 de agosto os concertos de Asíkides e Raspa, enmarcados no programa de La Caixa Diversóns.

O 11 de agosto celebrarase o concerto rock Galicia Central, no que actuarán Sochantre, Lapanaback, Momentos de duda e Alterazión del orden. Do 11 ao 16 serán as festas patronais, cuxo programa aínda está en elaboración pero que estará na rúa a comezos de agosto, segundo indicou a concelleira de Cultura.

Do 18 ao 24 terá lugar o festival de Novas Músicas, que incluirá os concertos de Ara Malikian e José Luís Montón, Vi-gop quartet, Lemos jazz experiencia, Jerry González Band, Joshua Edelman Trío e Calixto Oviedo Band.

O 19 de agosto a praza da Compañía acollerá unha nova edición das xornadas de folclore internacional e o sábado 23 será o escenario elixido para a queimada popular. Ese mesmo día celebrarase a festa da empanada na área de recreo de Ribasaltas.

Do 27 ao 30 os veciños poderán visitar na rúa do Cardeal os expositores da feira do libro de Monforte. O día 29 celebrarase dentro do programa Cultura vai verán o espectáculo de Xacarandaina. Durante todo o mes de agosto diversas exposicións, actuacións, mostras e desfiles conmemorarán o 125 aniversario da entrada do ferrocarril en Galicia.

E xa no mes de setembro, do 2 ao 24, impartiranse os cursos da Universidade Internacional Menéndez Pelayo no parador de turismo de Monforte.