A Feira da Rosca de Sober recupera a tradición das pezas de a peseta

LEMOS

07 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A decimoterceira edición da Feira da Rosca de Sober, o próximo día 12, renderá homenaxe ás chamadas roscas da peseta, pezas de pequeno tamaño que se elaboraban tradicionalmente para os nenos e gozaban de moita popularidade nas feiras da comarca. Un obradoiro educativo ofrecerá aos nenos a posibilidade de aprender a preparar esta especialidade gastronómica local baixo o asesoramento dunha rosqueira do municipio. Ao mesmo tempo, nos postos de venda poderanse adquirir estas pezas, que na actualidade continúan elaborándose aínda que en cantidades moito menores que noutros tempos. Se ben seguen recibindo o nome tradicional, o prezo actual deste produto típico anda hoxe por un euro.

O programa do festexo gastronómico foi presentado onte pola alcaldesa Raquel Arias e os encargados da organización, quen explicaron que a idea de recuperar a tradición das roscas da peseta foi unha idea dos propios rosqueiros de Sober. Asimismo, sinalaron que a cantidade de rosca que se porá á venda será similar á de anos anteriores, aínda que nesta edición só poderán participar tres rosqueiros, en vez dos catro que o fan habitualmente.

Para participar no mencionado obradoiro non é preciso facer unha inscrición previa. Os nenos que desexen asistir a esta actividade deberán presentarse ás once da mañá ante a casa consistorial. As pezas elaboradas polos rapaces serán despois cocidas nun forno da localidade. A apertura oficial da feira celebrarase un pouco antes, ás 10.15 horas, mentres que a habitual degustación gratuíta de rosca con queixo será á unha da tarde.

O festexo será animado por actuacións musicais e folclóricas, entre as que figura a da agrupación monfortina Lemavos, que comezará ás doce do mediodía. Todas estas actividades desenvolveranse na praza do Concello, onde se instalarán en total dezaséis postos, dedicados na súa maior parte á exhibición de produtos gastronómicos e artesanais da Ribeira Sacra e da Serra do Courel. Outros dous postos están dedicados a ofrecer información sobre os atractivos turísticos e as festas locais.

Exposición artística

Por outro lado, en coincidencia coa Feira da Rosca, a asociación de veciños da parroquia de Doade presentará na Casa de Cultura unha exposición que recolle trabajos realizados por pintores da zona. A mostra artística inaugurase mañá, ás doce do mediodía, e permanecerá aberta ata o día 12.

O Concello, por outra parte, decidiu non trasladar de data esta xornada gastronómica para facela coincidir cunha fin de semana coa idea de manter a tradición, xa que a Feira da Rosca sempre se celebrou o 12 de agosto, en concidencia coa feira mensual soberina.