A Área de Cultura da Deputación apoiará a difusión e recuperación do patrimonio inmaterial lugués
LEMOS
O Antroido Ribeirao, de Chantada; o Oso de Salcedo, da Pobra de Brollón; as fachas de Castelo, de Taboada; as danzas de Cervela, no Courel; as pandeiras de Piornedo, en Cervantes; a representación do meco e das campónigas na Ermida, en Souto do Val, Quiroga, e as fachas de Vilelos, no Saviñao, son algunhas das manifestacións que a Área de Cultura da Deputación Provincial pretende apoiar a través da posta en marcha dun plan co que quere poñer en valor o patrimonio inmaterial das diferentes comarcas da provincia luguesa.
O plan desenvolverase en varias fases e a Deputación destinará medios económicos e técnicos á recuperación, difusión e promoción das diversas manifestacións singulares que aínda se conservan na provincia de Lugo. Todas as intervencións levaranse a cabo en coordinación coas persoas e asociacións que manteñen esas tradicións. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, destacou onte na presentación deste plan que esas manifestacións, ademais do seu valor etnográfico teñen un enorme potencial como atractivo turístico.
Voto emigrante
Bao referiuse á viaxe institucional que o presidente da Deputación está a facer por Sudamérica e dixo que espera que sirva para impulsar a revisión da lei electoral, de modo que se poida garantir o voto emigrante en igualdade de condicións, contribuíndo así a dignificar á emigración galega, que agarda que nas vindeiras eleccións poida xa votar en urna, acabando así coa situación actual pouco digna nunha democracia de pleno.