Festexar e pensar a un tempo

LEMOS

Máis dun centenar de persoas participan hoxe e mañá no primeiro congreso sobre os carnavais do sur lucense

22 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Máis dun centenar de persoas matrícularonse no congreso etnográfico sobre as tradicións de entroido que se celebrará entre hoxe e mañá en Monforte, Chantada e A Pobra do Brollón, o primeiro simposio que se dedica especificamente a analizar e divulgar os carnavais tradicionais do sur lucense. As actividades abriranse ás dez de mañá de hoxe na Casa de Cultura monfortina cun acto no que participarán o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Súarez Canal, e o director xerente da Sociedade de Xestión do Xacobeo, Ignacio Rodríguez Egúibar.

Durante estas dúas xornadas, os festexos carnavalescos das parroquias da ribeira de Chantada e da aldea de Salcedo serán analizados por diversos expertos. Para hoxe están previstas as intervencións do arqueólogo Felipe Senén López, o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro, o investigador Xoán López Vázquez e o presidente de Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao, Xoán Carlos González Pérez. Os dous primeiros disertarán pola mañá en Monforte e os outros dous falarán pola tarde en Chantada.

A xornada de mañá dedicarase á festa do Oso do Salcedo e contará coa participación de dous expertos franceses. Un deles é o etnógrafo afeccionado Yvon Dupouy, grazas ao cal o Museo Internacional do Carnaval e da Máscara de Binche, en Bélxica, conta hoxe cunha reprodución do disfrace do oso salcedao. O outro é Robert Bosch, un dos organizadores da festa do oso que se celebra na localidade pirenaica de Prats de Molló, que garda unha sorprendente similitude co entroido de Salcedo. Mañá falarán tamén o etnógrafo Xosé Manuel González Reboredo -que se centrará na peculiar tradición do teatro popular de Salcedo- e Felipe Castro, anterior presidente da asociación veciñal que organiza estas festas.

As dúas xornadas do simposio, por outro lado, rematarán con mesas redondas nas que se abordarán as posibilidades de conservación e de promoción turística e cultural destes festexos, que é un dos obxectivos da asociación Lugopatrimonio e das outras asociacións que organizan o congreso.

Pero o aspecto máis singular deste simposio etnográfico é que o seu programa inclúe a participación directa dos asistentes nos mesmos festexos que serán analizados nas conferencias e debates. Os participantes desprazaranse hoxe pola tarde á parroquia chantadina de Santiago de Arriba, onde se celebrará a partir das tres e media da tarde o entroido ribeirao. Mañá pola tarde, os congresistas irán a Salcedo para ser testemuñas -e talvez vítimas- das travesuras do Oso. A organización recomendou acudir con roupa vella a estes festexos polo que poida suceder.