Patrimonio inmaterial en espera

LEMOS

Os colectivos que defenden as festas etnográficas do sur lucense solicitaron unha entrevista con Raquel Arias para saber se a Xunta seguirá apoiando os seus proxectos

26 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación cultural Lugopatrimonio e os diferentes colectivos que organizan as festas de maior interese etnográfico do sur lucense solicitaron unha entrevista á delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, a fin de falar sobre a posible continuidade do proxecto que trazaron para conservar e promover estas manifestacións de cultura popular. Para levar a cabo este plano solicitárase no seu día a axuda de diferentes consellerías e da Deputación. Desde as pasadas eleccións autonómicas non está claro se o Goberno galego seguirá prestando apoio á iniciativa, xa que os compromisos que se conseguiran foron só a nivel verbal.

O proxecto que manexan estas asociacións comprende actuacións como a creación de centros de interpretación nas localidades onde se conservan estes festexos e a restauración e o acondicionamiento de edificios ou espazos públicos vinculados a estas tradicións. Na iniciativa encádrase tamén un congreso etnográfico celebrado a principios deste ano en Monforte, Chantada e A Pobra do Brollón, ao que se espera dar continuidade en setembro. O obxectivo, segundo se explicou no seu momento, non só consiste en conservar este patrimonio inmaterial, senón tamén en promovelo como atractivo turístico e recurso económico. «Para planificar as futuras actuacións necesitamos saber se a Xunta está disposta a seguir apoiando este proxecto», explicou o presidente de Lugopatrimonio, o escritor Lois Diéguez.

A Asociación de Amigos dos Museos outorgou recentemente o premio Pedra do Destino á asociación veciñal que organiza o entroido de Salcedo, na Pobra do Brollón, unha das festas incluídas neste proxecto. O acto de entrega deste galardón dotado con 3.000 euros celebrarase en xullo ou agosto -a data de entrega aínda está por decidir- na propia localidade de Salcedo. O plano de conservación e promoción comprende tamén actuacións relacionadas co Entroido Ribeirao de Chantada, os folións de Castelo (Taboada) e Vilelos (O Saviñao), as danzas da Cervela (O Incio) e a romaría dos Remedios da Ermida, no municipio de Quiroga.