A mezzosoprano Ann Hallenberg interpreta a Haendel con Il Complesso Barocco, baixo a batuta de Alan Curtis
LEMOS
A mezzosoprano sueca Ann Hallenberg debutará mañá na capital lucense acompañando á orquestra Il Complesso Barocco, que estará dirixida polo norteamericano Alan Curtis, que tamén actúa por primeira vez na cidade. Este trío de luxo interpretará unha coidada e esixente selección de arias de ópera de Haendel no que será o quinto concerto da presente edición -a número 38-do Festival de Música Cidade de Lugo. Semana do Corpus.
Hallenberg e Curtis seleccionaron para esta actuación algunhas das máis fermosas arias de óperas de Georg Friedrich Haendel, como Amadigi, Agrippina, Radamisto, Il pastor fido, Tolomeo, Alcina, Serse ou Ariodante.
Esta mezzosoprano sueca está considerada unha das mellores intérpretes de ópera do momento, destacando pola súa impresionante sensibilidade e cualidade vocal. Aínda que conta cun amplísimo repertorio, é recoñecida como unha gran especialista na ópera barroca e, sobre todo, en Haendel. Xa que logo, este concerto en Lugo supón unha magnífica oportunidade de escoitar a unha artista no seu mellor momento de madurez artística e condicións vocais.
Especialista en música barroca
En canto ao director, Alan Curtis foi un dos primeiros representantes da corrente historicista de recuperación da música barroca e está considerado un dos grandes especialistas desta corrente. Coa súa orquestra Il Complesso Barocco leva vinte anos de frutífera e aplaudida carreira por todo o mundo.
Esta actuación, para a que o Concello de Lugo conta coa colaboración do Xacobeo, terá lugar no Círculo das Artes a partires das oito e media da tarde. A entrada será gratuíta ata completar o aforo da sala.