No 2011 cumpriranse oitenta anos dun tumulto nunha festa en Carballedo que acabou en traxedia. Catro persoas morreron a tiros e outras trinta quedaron feridas
28 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.«En el pueblo de Erbedeiro, del partido de Chantada / celebrándose una fiesta que se convirtió en batalla / había un americano de los Estados Unidos / que cuando llegó a la fiesta la deshizo toda a tiros». Os cegos que recorrían festas e romerías cantaron así durante anos a matanza ocorrida o 11 de outubro do 1931 no campo da festa da parroquia de Erbedeiro, no municipio de Carballedo. Eran tempos nos que as festas populares remataban frecuentemente con liortas nas que non era raro que os contendentes utilizasen armas de fogo, pero o de Erbedeiro foi unha balaceira de película que acabou nunha auténtica traxedia, con catro persoas mortas e unhas trinta feridas, a maioría a tiros.
Daquilo quedan aínda testemuños directos e nas hemérotecas pódese encontrar a información que publicou sobre o suceso o periódico chantadino «Juventud», empregando fontes directas. Ao parecer, o que sucedeu foi resultado da rivalidade entre os mozos das parroquias de Chouzán, en Carballedo e ao lado de Erbedeiro, e Nogueira, xa no veciño municipio de Chantada.
Catro dos supostos responsables das agresións foron detidos pola Garda Civil e dous máis fuxiron. Un dos escapados era o americano das coplas dos cegos que aínda recordan oír polas festas chantadinos como Tarsicio Balboa. Tratábase dun veciño de Chouzán chamado Manuel Álvarez González. O seu alcume debíao a que vivira emigrado uns anos en Estados Unidos, a onde conseguiu fuxir vía Portugal despois da matanza. Pasados trinta anos volveu a Chantada, onde visitou á súa familia e paseu libremente. pasara o tempo suficiente como para que delito xa prescribira, así que non foi detido nin xulgado. Na prensa da época aparece como responsable das tres primeiras mortes da monumental lea que tinguiu de sangue o campo da festa de Erbedeiro o día da romería dos Remedios de 1931.