Un día para correr e andar polo Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

O 17 haberá unha carreira de montaña e unha marcha de sendeirismo

01 abr 2011 . Actualizado a las 09:48 h.

O municipio do Courel será escenario o día 17 dunha dobre convocatoria que se organiza por primeira vez na provincia. Durante esa xornada levaranse a cabo unha carreira pedestre -da modalidade coñecida como trail de montaña- e unha marcha de sendeirismo. A carreira desenvolverase nun circuíto de máis de trinta quilómetros e na camiñada cubrirase un traxecto de quince quilómetros.

A convocatoria forma parte dunha serie de cinco carreiras, denominada Galicia Máxica Trail Adventure, que organiza o club de atletismo vigués CAR Marisqueiro en colaboración cunha asociación portuguesa. As dúas primeiras celebráronse en Moaña e O Carballiño, respectivamente o 13 de febreiro e o 13 de marzo. En xullo e agosto haberá outras dúas no monte Pindo (Carnota) e na Serra do Galiñeiro (Pontevedra). Estas carreiras son as primeiras que se organizan en Galicia dentro da referida modalidade.

Animar á participación

Segundo explica Miguel Bernárdez, membro da organización, estas convocatorias non están homologadas pola Federación Española de Deportes de Montaña, o organismo ao que lle corresponde regular este tipo de actividades. «A nosa intención é introducir en Galicia esta actividade e aínda que haberá premios para os gañadores, o principal obxectivo é animar á xente a que participe e por iso queremos darlle un aire máis popular», sinala.

A participación na carreira, polo tanto, estará aberta a todas as persoas que o desexen. A marcha de sendeirismo en principio está pensada para os familiares e os acompañantes dos corredores, pero poderán participar igualmente todos os interesados. Os promotores esperan reunir entre 200 e 250 persoas procedentes de toda Galicia, Portugal, León, Cantabria, Madrid e outros lugares.

A carreira comezará ás 9.30 horas, terá a saída e a meta na praza do Concello de Folgoso e pasará por Pozosde Ferreirós, Touzón, Pendella, Baldomir, A Campa, Vidallón, Castro de Vilar, Froxán, Vilamor e Eiriz. A marcha de sendeirismo iniciarase ás 9.45 e percorrerá as zonas de Ferreirós, Pico do Coto e Castro da Coroa.

Na organización colaboran o Concello do Courel, os hostaleiros da zona e as asociacións SOS Courel e Fonte do Milagro.