Veciños de Chantada organizan hoxe un concerto no templo románico
24 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Un grupo de veciños do municipio de Chantada revindicará hoxe un novo uso para a igrexa románica de Santa María de Pesqueiras cun acto que incluirá un concerto do grupo musical soberino O Trícole. Na iniciativa tomarán parte tamén o escritor chantadino Xosé Lois García -quen se encargará de facer a presentación do grupo e explicará as principais características históricas e artísticas da igrexa- e representantes da asociación cultural O Sorriso de Daniel.
Os actos comezarán ás cinco e media da tarde cunha misa oficiada polo párroco de Pesqueiras. A continuación será o concerto, cuxa intención é reclamar «que se dea unha nova vida a esta importante igrexa románica que permanece pechada e corre o risco de volver deteriorarse a causa do abandono aínda que foi restaurada hai pouco tempo», segundo explican os organizadores, que animan a secundar esta iniciativa a todos os veciños da zona.
Varias posibilidades
Os promotores do acto piden que a igrexa se abra a visitas guiadas e se utilice para organizar recitais de música, exposicións, simposios ou outras actividades culturais axeitadas ao carácter relixioso e monumental do edificio. O templo, situado nun lugar aillado, non se utiliza para o culto desde finais dos anos 60, época na que se construíu unha nova igrexa parroquial. «Hai moitas posibilidades para dar novos usos a este edificio e impedir que volva caer no abandono, e ademais pensamos que hai que rendabilizar dalgún xeito o diñeiro que investiu a Xunta na súa restauración», comentan.
Os veciños que organizan o acto opinan por outra parte que a igrexa -construída cara o ano 1120- debería ser máis promocionada desde o punto de vista do turismo cultural, tendo en conta o seu importante valor arquitectónico e artístico. «A igrexa ten un especial interese polas súas pinturas renacentistas do século XVI e praticamente ninguén sabe aínda que estas obras xa están restauradas e que se poden visitar, nin sequera os veciños da parroquia», sinalan este respecto. «Habería que editar folletos, sinalizar os accesos e ofrecer algún horario de visitas», engaden.