A estación do Courel acollerá másteres universitarios

Francisco Albo
francisco Albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Os dous primeiros cursos de posgrao serán impartidos en maio polas universidades de Vigo e Santiago

29 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O mes próximo, a Estación Científica do Courel (ECC) será utilizada por primeira vez para impartir másteres universitarios. O primeiro destes cursos desenvolverase na primeira quincena de maio pola Universidade de Vigo e será coordinado por José María Sánchez, director do departamento de botánica. O segundo correrá a cargo da USC e será dirixido por Jesús Domínguez, profesor de bioloxía animal.

A realización destes másteres supón a apertura dunha nova parcela dentro das actividades académicas desenvolvidas na estación, que desde a súa apertura xa acolleu a lectura de dúas teses de doutoramento.

Por outro lado, a Universidade de Santiago aprobou a realización dos dous cursos de verán que estaba previsto impartir este ano na estación de Seoane. O primeiro deles estará relacionado coa celebración do Ano Internacional dos Bosques e será organizado en colaboración co Instituto de Biodiversidade Agraria de Lugo. O segundo, en setembro, centrarase nos valores ambientais do Courel.

Estadías de investigadores

Por outro lado, a estación xa ten solicitudes de grupos de investigación científica da Universidade de Vigo e de Portugal para a utilizar a súa residencia o próximo xullo coa fin de desenvolver na serra unha serie de traballos relacionados coa botánica. Outro equipo de científicos, neste caso da USC, xa está utilizando estas instalacións para un proxecto de investigación sobre a flora da serra e seguirá facendoo nos próximos meses.

Durante maio e xuño, por outra parte, a estación acollerá cada semana visitas de grupos de alumnos de institutos de toda Galicia dentro do programa A Ponte co Ensino Medio.

Segundo explica Javier Guitián, director da ECC, o centro está recibindo tamén outras solicitudes, tanto para acoller visitas didácticas como para desenvolver outras actividades relacionadas co medio ambiente e a educación. Tamén hai peticións para levar a cabo na estación diferentes proxectos de investigación científica, pero as posibilidades que ofrece por agora neste terreo son limitadas, xa que a instalación do equipamento dos laboratorios aínda está pendente de realizarse.