Neste diario dicía Rafael Vilaseca algo moi importante: «Para una cosa así, no basta ni la Comisión de Fiestas ni unos meses de preparativos». Pero as cousas fixéronse coas formalidades debidas para garantir o éxito da conmemoración. Para iso o Consello de Ministros aprobou o 12 de setembro de 1975 a creación dun Padroado, cuxo borrador de decreto foi aprobado polo Comité do Bimilenario. Estaba presidido polo ministro da presidencia do Goberno, o lucense Antonio Carro Martínez, sendo vicepresidente Ramón Falcón Rodríguez, que era o Comisario Nacional do Patrimonio Artístico e Cultural. Tamén había representantes de varios ministerios.
O 20 de novembro morre Franco, cámbiase o Goberno e xa que logo variou a composición por acordo do Consello de Ministros de 7 de maio de 1976, pasando a ostentar a presidencia Manuel Fraga Iribarne, vicepresidente do Goberno para Asuntos do Interior e ministro da Gobernación, e a vicepresidencia pasa a Carlos Robles Piquer, ministro de Educación e Ciencia e cuñado de Fraga. Xa que logo o Padroado volvía estar en mans de lugueses. O ministerio de Educación e Ciencia nomeou como vocais a Antonio Carro Martínez, José Trapero Pardo, Narciso Peinado Gómez e Álvaro Cunqueiro Mora-Montenegro. Un Comité Executivo, presidido polo gobernador civil, era o encargado de cumprir os acordos do padroado. O alcalde e o presidente da Deputación eran vicepresidentes, ostentando o cargo de vocais representantes das comisións e os delegados de Educación e Ciencia e de Información e Turismo.