En Sober haberá o día 15 unha ruta nocturna con poesía e música

monforte / la voz

LEMOS

05 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A asociación cultural soberina O Colado do Vento organizará o día 15 a quinta edición do Roteiro Poético-Musical á Luz da Lúa, unha marcha nocturna de sendeirismo acompañada de recitais de poesía e música. Nesta ocasión, o percorrido será polos arredores do santuario de Cadeiras, polo cal, segundo indican os organizadores, «non hai moito para andar».

O programa comprenderá interpretacións de guitarra e fagot, a cargo respectivamente de Joel Salgado e Gonzalo Lemos, así como un concerto dos músicos Xosé Luís Rivas Mini e Baldomero Iglesias Mero. Haberá tamén actuacións da contacontos Teresa Grau e da rapsoda Carmeliña.

Actuacións espontáneas

Como nas anteriores edicións, todas as persoas interesadas en participar poderán tamén ofrecer as súas propias actuacións como músicos, recitadores ou contacontos. Os participantes reuniranse ás once da noite en Cadeiras.

Os organizadores do encontro nocturno, por outra parte, solicitan aos asistentes que nesta ocasión non tiren fotografías con flash e que non traian aparellos de iluminación «para non entorpecer as actuacións nin a maxia deste encontro». A este respecto, os promotores do encontro sinalan que «a organización xa se encargará da iluminación e da fotografía».