«Somos os cidadáns os que temos que defender o patrimonio»

Carlos Cortés
carlos cortés CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Nace un novo colectivo para reivindicar e divulgar as xoias da arte románica na comarca chantadina

01 abr 2012 . Actualizado a las 13:43 h.

Cunha charla do historiador Xosé Lois García e un concerto do grupo folk de Sober O Trícole. Así se presentou onte en Chantada a asociación de Amigos do Románico de Chantada, un colectivo que nace co obxectivo de divulgar e reivindicar o patrimonio histórico desa comarca. O acto celebrouse no hotel Mogay ás oito da tarde. Participaron os seis socios fundadores e outro medio cento de persoas. Beatriz Pérez é a secretaria deste colectivo. Está vencellada a unha empresa que organiza rutas guiadas polas igrexas de maior interese da Ribeira Sacra e está convencida de que o valor do patrimonio histórico da comarca de Chantada é maior do que habitualmente trascende.

-¿É necesaria unha asociación para defender o románico chantadino?

-O xerme disto xurdiu o ano pasado nun acto reivindicativo na igrexa de Santa María de Pesqueiras, que está restaurada e en perfectas condicións, pero ao non ter culto e estar nun lugar alonxado estaba praticamente esquecida e sen uso ningún.

-É máis coñecido o románico doutras zonas da Ribeira Sacra, como Pantón.

-Pantón está a anos luz de todos os demais concellos, levan moito tempo traballando.

-As igrexas románicas da comarca de Chantada están peor conservadas? ¿Ou é un problema de falta de promoción?

-Non é que o noso estea peor conservado. En xeral as igrexas desta comarca están en bastante bon estado. Pódese dicir que quizais estean mellor, pero teñen peores accesos e, desde logo, están peor promocionadas.

-¿Pediranlle respaldo ás institucións públicas?

-A situación actual é mala e non se pode agardar moito das institucións. En calquera caso, nós non pretendemos que as solucións teñan que saír das administracións públicas. Queremos poñelas nós. Ten que estar claro que todo o mundo pode axudar, que a asociación non está pechada a xente de ningún perfil determinado. Somos todos os cidadáns os que temos que tomar concidencia da necesidade de defender o patrimonio e divulgalo.

beatriz pérez asociación de amigos do románico de chantada