«Boy scouts» á beira do Miño

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

Cúmprense cen anos da fundación dos Exploradores de Chantada

11 may 2012 . Actualizado a las 19:03 h.

Este ano cúmprese un século da fundación da asociación de Exploradores de Chantada. Un lustro antes, o xeneral Robert Baden-Powell creara en Inglaterra o movemento scout, co obxectivo de facer dos rapaces novos «bos cidadáns» a través do seu desenvolvemento físico e espiritual. A idea espallouse rapidamente por outros países. En Estados Unidos chamáronlles Boy Scouts e en España denominouse Asociación Nacional de Exploradores. Durante anos, moitos rapaces de Chantada practicaron ao xeito militar a instrucción común a todas as agrupacións locais da asociación, fundada polo tenente de cabalería Teodoro de Iradier y Herrero, divididos en patrullas e con distintivos propios baixo cada bandeirín de piloto.

A asociación chantadina de Exploradores foi creada por José García Arias «Pepete» e Jesús de Soto Lemos, como deixou contado por escrito o que fóra colaborador de La Voz de Galicia na comarca de Chantada, o polifacético Ánxel Gómez Montero, que ademais formou parte dos Exploradores na súa xuventude. A asociación tiña a súa sede na rúa Vázquez Boo, no mesmo local no que nesa mesma época o mestre Manuel Formoso Lamas puxera a un bon número de rapaces de Chantada ás portas da universidade.

Os cornetas de Jacobo Arce

Despois dunha pequena adaptación, a escola converteuse no cuartel dos Exploradores, unha denominación que se adapta ben á organización case militar do grupo. Alí foi onde aprenderon o chamado Decálogo del Explorador e practicaron a instrución. Ánxel Gómez Montero conta que o a banda de cornetas dirixida por Jacobo Arce sobresaiu pola súa perfección e destreza nas reunións comunais da entidade. Tendas de campaña, camastros, olas para ranchos especiais, e toda clase de avituallamentos compoñían a intendencia da que dispoñía este grupo.

Pola cronoloxía dos arquivos gráficos e a prensa local, mantívose en activo desde a súa fundación no 1912 ata ben entrados os anos vinte. Da súa historia quedan además das referencias na prensa da época, un bon número de fotos que aínda gardan as familias daqueles boy scouts do Miño.