O BNG de Taboada cualificou de «desproporcionada» a suba das taxas de subministro de auga, saneamento e recollida de lixo aprobada nun pleno extraordinario celebrado o luns pola corporación. O incremento-afirman- «nin implica unha mellora dos servizos nin permite cubrir o custo dos mesmos».
Os nacionalistas sinalan que o aumento na cota trimestral da auga será dun 145% na zona urbana, mentres que no rural sube de cero a 7,36 euros. No saneamento -engaden- a suba será do 97% e do 43% en casas sen subministro municipal. A cota semestral do lixo experimentará incrementos do 27% en negocios de alimentación e restauración e locais industrias, do 37% en vivendas e do 128% en talleres e almacéns.
O alcalde Ramiro Moure xustificou as subas pola necesidade de adecuarse ao plan de axuste da Xunta, de igualar os ingresos e gastos de servizos e de corrixir as deficiencias rexistradas nos padróns municipais. Moure admite que «non é o momento oportuno para subir taxas», pero cre o que incremento que experimentará a recadación fará innecesario aplicar novas subas no próximo exercicio.
No pleno, por outro lado, aprobouse a revisión do catastro do encoro de Belesar, que segundo o alcalde suporá para o Concello un incremento de entre 7.000 e 8.000 euros na recadación. No 2011 recadáronse neste apartado uns 22.000 euros.