As comadres emigran a Alemaña

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Os personaxes carnavalescos da comarca de Lemos parodiaron os problemas actuais

08 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Os grandes problemas económicos e sociais da actualidade foron abordados con punxente humor carnavalesco no Xoves de Comadres, a segunda xornada principal do Entroido na comarca de Lemos. Como moitos cidadáns en busca dunha saída laboral, unha parte das comadres de Monforte víronse obrigadas a tomar este ano o camiño da emigración. Para iso utilizaron un espectacular aeroporto armado na rúa de San Pedro -cun avión de sete metros de longo da compañía Air Lemos- que enlazaba directamente con Berlín. Ali formouse unha longa fileira de comadres provistas de títulos universitarios e dispostas a probar sorte no estranxeiro.

Na parroquia de Ribas Altas, as comadres viron tan complicada a situación actual que decidiron converterse en «fadas parroquianas» e dotarse de poderes máxicos para intentar encontrar un remedio. As do barrio de Carude, pola súa parte, criticaron ao mesmo tempo os recortes na sanidade pública e os desmáns do sector bancario. Na residencia Prodeme organizaron un burlesco «club da calceta» que reunía a celebridades tales como Angela Merkel, María Dolores de Cospedal, Esperanza Aguirre, Carla Bruni, Michelle Obama, Ana Botella ou Cristina Fernández de Kirchner. No barrio de Rioseco, alleas á crise, celebraron un aparatoso desfile de alta costura que ocupou toda unha rúa.

Miradoiro en Sober

Na praza do Concello de Sober, as comadres observaron o complexo panorama social e político desde un «miradoiro vangardista das Cotorras» -aludindo ao que se inaugurou recentemente en Bolmente, no canón do Sil- improvisado cun camión. Entretanto, en Pantón, un grupo de funcionarias municipais eran comparadas con Lara Croft e outros coñecidos personaxes cinematográficos femininos.

As parroquias monfortinas de Santa Mariña do Monte e Distriz, fieis ao seu costume, deixaron de lado os asuntos de actualidade e rememoraron os tempos pasados en elaboradas escenografías de carácter case documental. No primeiro destes lugares, as comadres recrearon as lavandeiras de antano -en torno a un estanque con auga- e no segundo reproduciron os labores das tecedeiras.