Xosé Antonio Fraga: «O doutor Teijeiro ten que ser un orgullo para Monforte»

LEMOS

Fraga falará no instituto A Pinguela sobre o médico monfortino do século XIX
28 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Xosé Antonio Fraga, doutor en bioloxía e director do proxecto Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega, dará o 5 de abril -ás 12.35 horas- unha conferencia no instituto A Pinguela sobre a vida e a obra do monfortino Maximo Teijeiro, unha das máis importantes figuras da medicina galega no século XIX. Teijeiro, moi esquecido hoxe en día, foi cuñado do químico Antonio Casares.
-¿Que papel ocupou Maximino Teijeiro na medicina da súa época en Galicia?
-Tivo unha actividade intensa como clínico, docente e divulgador e axudou a introducir melloras sanitarias moi importantes. Por exemplo, encabezou unha comisión que foi a París en 1886 a estudar os traballos de Louis Pasteur coa vacina contra a rabia e fixo un relatorio favorable que contribuíu a que se adoptasen aquí eses métodos. Sempre estivo moi preocupado pola utilidade pública da medicina e esforzouse para que os avances médicos beneficiasen ao conxunto da sociedade. Tiña unha conciencia social moi marcada e politicamente moveuse no campo do liberalismo.
-¿Traballou na investigación médica?
-Como investigador a verdade é que non fixo nada destacado. Por un lado, seguramente por falta de tempo, porque tiña moitas ocupacións. Foi catedrático e reitor da Universidade de Santiago, atendía unha consulta e desenvolveu ademais unha actividade política importante. E por outro lado, naquel tempo en Galicia tampouco había moitos recursos para investigar, nin en medicina nin en ningún outro terreo. Pero estaba moi atento aos avances da súa época e axudou a difundir a medicina científica moderna traducindo tratados estranxeiros, publicando traballos divulgativos e tamén mediante o seu labor docente. Fixo moito máis que a maioría dos catedráticos da súa época, que a miúdo non publicaban en toda a súa carreira máis que o discurso de toma de posesión da cátedra.
-¿Destacou especialmente nalgún campo da medicina?
-Sobre todo na anatomía, pero tamén na cirurxía. Como divulgador prestou especial atención á microbioloxía e á loita contra as enfermidades epidémicas que eran moi comúns na súa época. Os testemuños históricos indican que foi un notable clínico e cirurxián e un excelente profesor, moi admirado polos alumnos.
-¿E en canto á actividade política e social?
-Teijeiro tivo un perfil público moi acentuado. Formou parte da Sociedad Económica de Amigos del País en Santiago, mantivo relacións coa Institución Libre de Enseñanza, militou na masonería e foi senador. Sempre adoptou unha posición liberal e progresista, pero tamén foi un home dialogante e nada dogmático.
-¿Como debería ser recordado na actualidade?
-É sen dúbida unha figura importante da historia da medicina galega e soubo utilizar os recursos de que dispuña para modernizar as práticas médicas e para poñelas ao servizo dos pacientes e da sociedade. Un personaxe como el ten que ser un orgullo para Monforte e para Galicia.
xosé antonio fraga biólogo