«Apoiaremos a creación dun parque natural»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

ÓSCAR CELA

Rigueiro disponse a asumir a dirección do centro universitario de Seoane, substituíndo a Javier Guitián

16 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Antonio Rigueiro Rodríguez, catedrático do departamento de produción vexetal do campus lucense da USC, acaba de ser nomeado director da Estación Científica do Courel, cargo no que seu substitúe ao biólogo Javier Guitián.

-Na actual situación económica, ¿a estación poder ter problemas para desenvolver tarefas de investigación científica?

-A estación non foi creada para realizar as súas propias investigacións, senón para servir de apoio aos investigadores interesados en traballar nesta zona e tamén para apoiar a actividade docente. Aínda non tiven ocasión de ver como están as instalacións, pero polo que eu sei xa ten todo o equipamento necesario para cumprir esa función. Poder faltar talvez algún detalle de mobiliario, pero supoño que iso será fácil de subsanar.

-O anterior director queixouse de non ter recibido suficiente apoio por parte da USC.

-Non entrarei a valorar ese asunto, porque non sei moi ben que problemas puido ter. En canto a Javier Guitián, teño que manifestar o meu recoñecemento ao seu labor, porque foi el quen botou a andar a estación e apoiou decididamente a súa creación desde hai moitos anos. No que se refire a apoio económico, vexo difícil que a estación poida conseguir máis do que ten agora, porque xa se sabe que a universidade está nunha situación precaria. E no eido institucional, espero que haberá todo o apoio necesario.

-Desde o seu novo cargo, ¿apoiará a creación dun parque natural no Courel?

-Persoalmente estou convencido de que o parque natural vai ser algo beneficioso, non só para a conservación do medio natural, senón para todos os habitantes da serra e para o seu nivel de vida. A decisión de crear o parque loxicamente non corresponde á universidade senón á Xunta, pero a estación ofrecerase para apoiar esa iniciativa en todo o que sexa posible. Por exemplo, realizando estudos ou xornadas divulgativas, ou labores de concienciación da poboación.

-¿Como pode contribuír a estación ao desenvolvemento socioeconómico da zona?

-Penso que debe desempeñar un papel de transferencia de tecnoloxía e de modernización do medio rural, porque a fin de contas ese é un dos obxectivos con que se creou. Pódense organizar, por exemplo, obradoiros de micoloxía, de enxertos, de conservación de variedades froiteiras... Teño algunhas ideas a ese respecto, pero antes de facer nada consultarei o parecer do comité científico da estación. E todo dependerá tamén dos recursos económicos dispoñibles, que forzosamente serán limitados nesta situación de crise.

-Tense falado da posibilidade de que a USC ceda parte da estación á Xunta para facer un centro de interpretación. ¿Como está agora esa cuestión?

-Sei que houbo algunha conversa nesa dirección, pero de momento non hai ningún proxecto concreto nin se tomou ningunha decisión a ese respecto.

Antonio rigueiro novo director da estación científica do courel