Filmes con acento local no encontro dos cineclubes ibéricos

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

As xornadas desenvólvense esta fin de semana no Centro do Viño de Monforte

16 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolle esta fin de semana a terceira edición do encontro das federacións de cineclubes de Galicia, Cataluña e Portugal -as únicas da Península-, que se celebra por primeira vez en Monforte e que organiza a asociación local A Calexa. Durante estas xornadas poderán verse dous filmes rodados recentemente no sur lucense e unha obra dun realizador monfortino radicado en Madrid.

A primeira proxección será a do filme de terror psicolóxica Deil, rodado o pasado ano en Sober, dentro dunha intervención do produtor monfortino Iván Patiño, responsable da empresa Amanita Films. A seguinte será a do documental Asolagados, do chantadino David Vázquez, que reflicte as consecuencias da construción do encoro de Belesar. No programa figura tamén Matisse se escribe con dos eses, un documental realizado polo monfortino Alberto Lobelle e dedicado á Escola Aberta de Arte de Ferrol.

Debates e conferencias

O programa de actividades das xornadas comeza ás 10.30 horas de hoxe cun acto inaugural. Ás 11.30 será presentado un obradoiro didáctico de dobraxe de filmes promovido no instituto monfortino Daviña Rey e unha hora máis tarde comezará un debate sobre as posibles consecuencias que terá para a distribución cinematográfica e para os cineclubes a supresión das proxeccións de filmes en 35 milímetros que se fará efectiva a principios do 2014. Entre os participantes no coloquio estará a directora da Filmoteca de Cataluña, Emma Fernández.

Por outra parte, a partir das cinco da tarde haberá un coloquio sobre o cineclubismo no ámbito ibérico. Seguidamente, ás 18 horas, ofrecerase unha conferencia sobre cinema e música a cargo de Jorge García, cineasta natural do Incio e formado na Escola Nacional de Cinema de Polonia. Ás 19 horas principiará unha mesa redonda sobre a actual a produción cinematográfica e audiovisual en España e Portugal e unha hora despois haberá unha intervención de Iván Patiño.

As actividades de mañá comezarán ás 11.30 e comprenderán a presentación dos filmes de Vázquez e Lobelle e unha visita guiada ao Centro do Viño. Os participantes no encontro -cerca de 25 persoas en total-compartirán xantar e cea nun restaurante de Monforte. Os debates, conferencias e proxeccións estarán abertos a todas as persoas interesadas.