A edición número dezasete da Festa da Castaña do Courel celebrarase o 9 de novembro en Folgoso. O escenario será o Souto da Carroza, como é habitual cando o festexo gastronómico se desenvolve na capital do municipio. Ás nove da noite do día anterior haberá unha pancetada gratuíta seguida dun baile popular animado polo grupo musical Alba.
Xa no domingo, as castañas comenzarán a ser asadas nos tradicionais tambores de ferro desde a primeira hora da mañá, a fin de que a degustación gratuíta poida comezar o máis cedo posible. Xunto coas castañas asadas ofrecerase viño novo producido na comarca. Á unha do mediodía será pronunciado o pregón oficial do festexo, que este ano correrá a cargo do xornalista Paco Rivera. Antes e despois do pregón actuarán os grupos de gaitas e cantores do municipio. O festexo será animado tamén pola charanga TNT de Santiago. No lugar de celebración da festa estará instalada unha carpa onde se servirá polbo e churrasco e haberá tamén postos de venda de produtos artesanais da zona, entre os que estarán os das dúas empresas do municipio que comercializan derivados da castaña. Durante a xornada haberá obradoiros de maquillaxe, globofexia e tatuaxes co grupo Imaxinatia.