Lois Pereiro noutros idiomas

Francisco Albo
FRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

As obras do poeta monfortino foron traducidas ata agora a seis linguas

15 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai agora catro anos, Monforte dispúñase a acoller os actos principais do Día das Letras Galegas dedicado a Lois Pereiro. Desde entón, a obra do poeta monfortino foi coñecendo unha difusión cada vez maior, á que axuda considerablemente a súa tradución a outros idiomas. Mesmo antes de que se editase en 1992 o seu primeiro libro en solitario, algúns dos seus poemas apareceron traducidos ao castelán na antoloxía Después de la modernidad, editada en 1987 por Julia Barella, que reunía textos de poetas contemporáneos que escribían nas diferentes linguas do Estado español.

Doce anos despois do seu pasamento, no 2008, varios poemas de Pereiro apareceron traducidos ao francés nunha antoloxía bilingüe titulada Dix-sept poètes galiciens / Dezasete poetas galegos 1975-2000, publicada pola Universidade da Coruña e preparada por Luciano Rodríguez, Xosé Carlos Carrete e Francine Sucarrat.

Máis tarde, no mesmo ano en que lle foron dedicadas a Pereiro as celebracións do 17 de maio apareceu a súa obra completa en castelán, traducida por Daniel Salgado. A edición -a cargo do selo barcelonés Libros del Silencio-, reuniu nun só volume os poemarios Poemas 1981-1991, Poesía última de amor e enfermidade e Poemas para unha loia, a novela inacabada Náufragos do paradiso, o ensaio Modesta proposición e o diario epistolar Conversa ultramarina. O volume foi prologado polo escritor e académico Pere Gimferrer, quen apuntou neste texto que «Lois Pereiro transita por la geografía de los mapas y por la cartografía literaria universal de la modernidad».

En inglés e búlgaro

Case ao mesmo tempo, a editorial británica Small Stations Press publicou o volume Collected poems, que contén a tradución inglesa íntegra dos tres poemarios de Lois Pereiro. A versión foi realizada polo filólogo e editor Jonathan Dunne, quen tamén publicou en inglés varias antoloxías de poesía galega e obras narrativas de Manuel Rivas, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey. A mesma editorial, por outra parte, é responsable da publicación da obra poética completa de Pereiro vertida ao búlgaro pola escritora e tradutora Tsvetanka Elenkova, baixo o título de Sabrani stihotvoreniya ou Poemas reunidos. Elenkova tamén traduciu a este idioma os Cantares galegos de Rosalía de Castro.

Posteriormente, no 2013, apareceu por primeira vez unha obra de Lois Pereiro traducida á lingua vasca. Foi publicada en Navarra pola editorial Cénlit baixo o título Akaberako poesia amodioaz eta gaitzaz, isto é, Poesía última de amor e enfermidade. O autor da versión é Joxemari Sestorain. A este conxunto de traducións hai sumar cinco poemas seus vertidos ao catalán que apareceron -sen nome de autor- nunha páxina web dedicada ao poeta que apareceu con motivo do Día das Letras Galegas do 2011 e que continúa activa na actualidade.

A tradución foi un dos labores profesionais desempeñados por Lois Pereiro, se ben non chegou a publicar textos literarios trasladados por el desde outros idiomas. O escritor monfortino traballou como tradutor de inglés, alemán e francés para a dobraxe de filmes e series de televisión. Na súa primeira época, Televisión de Galicia emitiu varias coñecidas series -como Dallas e Kung Fu-, que contiñan episodios con diálogos adaptados por Pereiro. O poeta encargouse tamén de verter ao galego os episodios da primeira temporada da serie humorística británica Os novos (The Young Ones), que gañou unha ampla popularidade en Galicia, sobre todo entre o público xuvenil.