Unha asociación cultural edita unha guía sobre a popular romaría da Ermida

La Voz

LEMOS

A obra será presentada na igrexa da parroquia o día 31

11 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación cultural Fonte do Val publicará proximamente unha guía sobre a romaría dos Remedios da parroquia quiroguesa da Ermida, que figura entre os festexos tradicionais de maior interese etnográfico da provincia. A redacción da publicación correu a cargo do actual párroco da Ermida, Jesús Río Ramilo, e a iniciativa conta cunha axuda económica de 1.200 euros, proporcionada pola área de Cultura da Deputación. A guía será presentada nun acto que se celebrará na igrexa da parroquia -as 20 horas- o próximo día 31.

A publicación, titulada Romaxe de Nosa Señora dos Remedios, consta de catro capítulos, os dous primeiros dos cales están dedicados a describir o patrimonio histórico da igrexa, no que destaca o chamado Crismón de Quiroga, unha das máis célebres pezas de arte paleocristián de Galicia. Os outros dous capítulos céntranse na historia da romaría da localidade, que -segundo a documentación histórica dispoñible- se celebra desde hai arredor de catro séculos. No festexo destaca a presenza dos personaxes coñecidos como o Meco e as Pampórnigas.