O patrimonio máis esquecido de Sober sae á luz en Internet

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Unha vintena de bens culturais serán incluidos nun catálogo dixital

23 jul 2015 . Actualizado a las 12:54 h.

A asociación cultural soberina O Colado do Vento comezará esta semana a editar en Internet unha serie de fichas descritivas sobre elementos inéditos ou pouco coñecidos do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio. Estes documentos publicaranse na web Patrimonio Galego, que é elaborada desde hai anos por voluntarios de toda a comunidade. Algúns destes elementos patrimoniais foron descubertos en tempos recentes e non se incluíron aínda en ningún inventario. Outros xa están catalogados pero seguen sendo moi pouco coñecidos. Con estas achegas crecerá máis do dobre a presenza de Sober no referido catálogo, que por agora só conta con quince fichas.

Unha boa parte destes elementos foron localizados, fotografados e observados durante unha xornada que organizou con tal obxectivo a asociación a finais do mes pasado. Para publicar fichas de bens culturais na web de Patrimonio Galego é preciso incluír imaxes e descricións sobre as características e a situación actual de cada elemento. Entre os bens aínda non catalogados que aparecerán na web está un conxunto de petróglifos -do tipo coñecido como coviñas- que foi localizado recentemente nas cercanías do santuario de Cadeiras por Óscar Alonso, un veciño da localidade de Veliños. O colectivo xa avisou á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para que o inclúa tamén no seu inventario.

Tradición popular

Tampouco figuraba en ningún catálogo un afloramento rochoso de singular aspecto zoomorfo coñecido como Pena de Santa Apolonia, na parroquia de Millán. A rocha ten unha pequena pía a cuxa auga se lle atribuían propiedades curativas e será catalogada como ben cultural de interese etnográfico. Na lista elaborada pola asociación figuran outros elementos que xa levan tempo inscritos nos inventarios de Patrimonio pero que son pouco coñecidos fóra do municipio ou mesmo dentro del. Entre eles están os petróglifos do Xestal -en Proendos- e os do Monte do Cura, en Millán.

O colectivo pretende organizar máis xornadas deste tipo para catalogar e difundir bens culturais ignorados, pero non quere limitarse ao municipio de Sober e estuda estender esta actividade a Pantón e O Saviñao.