A arquitectura popular centrará as Xornadas do Camiño de Inverno

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

As actividades desenvolveranse en Quiroga e Ribas de Sil a próxima fin de semana 

05 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A arquitectura tradicional do sur lucense será o eixo temático da duodécima edición das Xornadas do Camiño de Inverno, que se celebrarán a próxima fin de semana nos municipios de Quiroga e Ribas de Sil. O programa foi presentado onte en Monforte por Aida Menéndez, presidenta da asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, xunto cos tenentes de alcalde dos referidos concellos, José Luis Rivera e Roberto Castro. «Queremos chamar a atención sobre o valor dos conxuntos de arquitectura popular da zona e pedir ás institucións públicas que axuden á súa conservación, e ao mesmo animar aos peregrinos que os visite», sinalou Menéndez.

Os actos comezarán o sábado na Casa de Cultura de Quiroga -ás 17 horas- cunha conferencia sobre a arquitectura popular a cargo de Juan Ortiz, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo. Seguidamente levarase a cabo un percorrido a pé polo Camiño de Inverno desde Quiroga ata Nocedo, pasando por San Clodio. A marcha incluirá unha visita guiada á igrexa románica desta última localidade. A xornada rematará cun aperitivo con viños da Ribeira Sacra na praia fluvial de San Clodio.

Visita á aldea da Seara

O programa do domingo consistirá nun extenso percorrido que comezará a primeira hora da mañá cunha visita á aldea quiroguesa da Seara, sometida hai anos a un plan de rehabilitación integral. Neste lugar comezará un percorrido a pé ata a lagoa glaciar de Lucenza e ao bosque da Devesa da Rogueira. O guía será o biólogo monfortino Guillermo Díaz Aira, coordinador do albergue turístico de Quiroga. O itinerario tamén comprenderá visitas ás ruínas do castelo de Carbedo, ao castro do monte Cido, á aldea de Paderne -os tres lugares están situados no municipio de Folgoso do Courel- e á igrexa románica de San Pedro Fiz de Hospital, no Incio.

Por outro lado, Aida Menéndez expresou a confianza da asociación en que antes de que remate este ano se aprobe a nova Lei do Patrimonio Cultural, que suporá o recoñecemento oficial do Camiño de Inverno como ruta xacobea. «O prazo para presentar as alegacións ao anteproxecto desta lei pechouse o 31 de agosto e a nosa asociación decidiu non presentar ningunha, porque no seu texto o Camiño de Inverno aparece equiparados ás demais rutas xacobeas, polo que entendemos que está garantido o seu recoñecemento», explicou.

Así mesmo, Menéndez indicou que a súa asociación mantivo recentemente contacto con diversos negocios de hostelaría do sur da provincia e que os seus responsables afirman que durante os últimos meses estiveron acollendo a peregrinos que percorren a ruta. «Algúns destes negocios recibiron cada día a tres ou catro visitantes e esas cifras increméntanse nas fins de semana», engadiu a presidenta da asociación que promove a ruta.