Inmersión invernal na arte románica

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O patrimonio medieval da Ribeira Sacra será divulgado nunhas xornadas en Pantón

21 ene 2016 . Actualizado a las 12:52 h.

Desde hai varios anos, as rutas guiadas polo patrimonio románico están a afianzarse como un dos recursos turísticos máis notables de la Ribeira Sacra. Ata agora, esta actividade centrouse sobre todo nas épocas de maior afluencia -Semana Santa e verán-, pero unha iniciativa da empresa Máis que Románico e a hospedaxe de turismo rural Casa dos Muros pretende fomentar o interese por este patrimonio durante o período invernal.

Con esta intención organizáronse unhas xornadas que se desenvolverán entre o 19 e o 21 de febreiro no mencionado establecemento -no municipio de Pantón- baixo o lema «Aprende a mirar o románico». Os participantes convivirán na hospedaxe durante unha fin de semana e compartirán diversas actividades encamiñadas a profundizar os coñecementos sobre esta parte do patrimonio histórico e monumental da zona. «É unha convocatoria que se dirixe a un tipo de visitantes moi específico, a xente interesada no románico e na historia da arte, pero hai moitas persoas que responden a este perfil», explican desde a firma Máis que Románico.

Parte teórica

O programa comprende unha parte teórica, que consiste nunha serie de conferencias divulgativas a cargo da historiadora Cristina Párbole, que dirixe nunha emisora local palentina o programa La huella románica -dedicado á difusión do patrimonio medieval desta provincia- e edita unha páxina web homónima de similar contido. Nos seus relatorios analizaranse as principais características arquitectónicas e artísticas das igrexas románicas -tanto no exterior como no interior- e o papel que desempeñaron na Idade Media como edificios relixiosos, como centros de recadación de impostos e tamén como lugar de xogo. Unha parte das intervencións de Cristina Párbole centrarase ademais na conservación e difusión deste tipo de patrimonio histórico.

Por outro lado, durante estas xornadas levaranse a cabo varias visitas ás igrexas románicas do sur lucense. Tres destes templos -San Miguel de Eiré, San Vicente de Pombeiro e a igrexa do convento das Bernardas de Ferreira- están no municipio de Pantón. Outros dous -Santa María de Pesqueiras e San Salvador de Asma- encóntranse en Chantada. O programa comprende ademais unha visita á igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao. Os percorridos serán conducidos por guías profesionais da empresa Máis que Románico.

Inscricións e reservas

Para participar nestas xornadas é preciso abonar 190 euros por persoa. O prezo comprende o aloxamento na casa rural, dous almorzos, dúas ceas e unha comida. Os interesados poden apuntarse no correo info@maisqueromanicorutas.com e no teléfono 646 533 229. Os organizadores sinalan que xa contan con varias persoas inscritas e pretenden organizar máis adiante -tamén en temporada baixa- outras convocatorias similares, dedicadas a outros aspectos do patrimonio histórico e monumental da Ribeira Sacra. «Pensamos que os recursos culturais teñen moitas posibilidades para desestacionalizar o turismo na zona», engaden.

unha experiencia exitosa

Desde o 2013, o consorcio da Ribeira Sacra organiza rutas guiadas polos monumentos románicos da zona, que se desenvolven nas épocas de maior afluencia. En cada edición, o programa atrae a máis visitantes de toda Galicia e doutras comunidades autónomas, e tamén a algúns estranxeiros. Á esquerda, unha visita á igrexa románica de Pinol, no municipio de Sober

«Estas rutas poden atraer xente durante todo o ano, tamén en temporada baixa»

Xunto con Beatriz Pérez, María Abuín é responsable da empresa Máis que Románico, creada en xaneiro do 2012.

-A súa empresa naceu dunha experiencia piloto de fomento do turismo que promoveu a Universidade de Vigo.

-Si, durante o 2010 e o 2011 organizáronse as primeiras rutas guiadas do románico dentro dese programa e como vimos que esta oferta tiña un éxito importante, animámonos a fundar a empresa. Dentro dese plan ensaiáronse varias fórmulas de actividades turísticas novidosas para a Ribeira Sacra, pero esta foi a única experiencia que tivo continuidade e que deu pé á creación dunha nova empresa.

-¿As rutas do románico poden atraer visitantes todo o ano?

-A nosa época de maior actividade comeza en Semana Santa Santa e dura ata finais de outubro. Pero en maior ou menor medida temos visitantes durante todo o ano, incluso nas temporadas baixas. Hai que precisar que non ofrecemos só visitas guiadas aos monumentos románicos, senón que combinamos estas rutas con outros aspectos do patrimonio e con outros recursos turísticos.

-¿En que medida axudan a fomentar este turismo as asociacións de amigos do románico?

-Sen dúbida fan un labor moi importante. Asociacións como O Sorriso de Daniel e outras parecidas que hai por toda España axudan a divulgar a importancia do patrimonio románico da Ribeira Sacra e fan que sexa cada vez máis coñecido, e polo tanto contribúen a que veña máis xente a visitalo.