O románico tamén triunfa no inverno

LEMOS

CEDIDA

Unhas xornadas celebradas en Pantón e Chantada atraeron a numerosos visitantes

26 feb 2016 . Actualizado a las 14:06 h.

A empresa Máis que Románico e a hospedaxe de turismo rural Casa dos Muros -no municipio de Pantón- consideran un éxito a primeira convocatoria que organizaron en torno ao patrimonio histórico da Ribeira Sacra. Durante a pasada fin de semana, 38 persoas tomaron parte nunhas xornadas de iniciación á arte románica que se celebraron no referido establecemento. Os participantes conviviron desde o venres ata o domingo na hospedaxe, asistiron a conferencias divulgativas e visitaron varias igrexas.

A experiencia tiña por obxectivo comprobar o poder de atracción do patrimonio románico da zona durante unha temporada considerada habitualmente como baixa. Desde hai varios anos, o consorcio da Ribeira Sacra organiza visitas guiadas a estes monumentos que ata agora se centraron en épocas de maior afluencia, como o verán e Semana Santa. A empresa Máis que Románico -que se encarga destas rutas- tamén ofrece percorridos guiados durante o resto do ano, pero non organizara anteriormente unha experiencia deste tipo e menos aínda no período invernal.

A convocatoria, que se presentou baixo o lema «Aprende a mirar o románico» cumpriu plenamente as expectativas. O límite de prazas estaba fixado inicialmente en 35 persoas, pero ante a elevada de demanda conseguiu facerse espazo para outras tres. «Houbo máis xente interesada en participar, pero non foi posible admitir a outros porque a hospedaxe ten un límite e porque unhas xornadas de convivencia como estas non poden masificarse», apuntan os organizadores. Os participantes procedían de diversas localidades galegas -como Vigo, Pontevedra e Boiro- e tamén de Asturias, o Bierzo, Salamanca e Valladolid. Entre os asistentes houbo afeccionados á arte e ao turismo cultural, pero tamén profesionais de axencias de viaxes e guías turísticos.

Programa ampliado

O programa comprendeu conferencias sobre a arte e arquitectura románica que foron impartidas na hospedaxe pola historiadora palentina Cristina Párbole. Durante a fin de semana houbo tamén visitas comentadas ás igrexas de Eiré, Pombeiro, o convento das Bernardas de Ferreira -en Pantón-, Pesqueiras e San Salvador de Asma, estas dúas en Chantada. Aínda que en principio non había percorridos programados para o domingo pola tarde, ante o interese dos participantes ofreceuse a posibilidade de visitar outras dúas. Vinte e cinco persoas apuntáronse a esta actividade extra, que se denvolveu nos templos de San Fiz de Cangas e Santo Estevo de Atán. «A xente acabou en Atán xa despois do atardecer, admirando a igrexa á luz das lanternas, e para todos foi unha experiencia moi interesante», din os organizadores.

Os responsables das empresas que promoveron esta iniciativa sinalan por outro lado que para os participantes resultou moi atractiva a combinación entre o patrimonio histórico e a gastronomía. A oferta comprendía dous almorzos, dúas ceas e unha comida, que finalmente foron dúas para os que se apuntaron á prolongación do programa. Así mesmo, os asistentes tiveron ocasión de participar unha degustación comentada de cócteis que foron preparados polo afamado barista chantadino Damián Seijas. O consorcio turístico e a Ruta do Viño da Ribeira Sacra colaboraron nas xornadas ofrecendo materiais informativos sobre a zona aos visitantes. A inscrición para participar en todas estas actividades tiña un custo de 190 euros por persoa.

En vista da boa resposta desta convocatoria, as empresas organizadoras estudarán a posibilidade de dar continuidade á experiencia organizando outras xornadas de turismo cultural centradas no patrimonio histórico da zona. «Hai moitas igrexas románicas coas que poden deseñar rutas moi diferentes, pero tamén hai outros elementos do patrimonio que poden servir de base para estas experiencias», engaden.

«Para o patrimonio da Ribeira Sacra non debería haber temporada baixa»

Beatriz Pérez rexenta xunto con María Abuín a empresa Máis que Románico.

-¿A resposta por parte do público foi a que esperaban?

-A Casa dos Muros xa organizara antes outras xornadas de turismo cultural seguindo este mesmo formato, pero que se centraron noutas temáticas, como a fotografía ou o cine. A resposta xa fora moi boa nestas convocatorias, pero ata agora non houbera ningunha centrada no patrimonio histórico. O resultado foi moi satisfactorio e tanto os asistentes como os propietarios da hospedaxe quedaron moi contentos.

-¿Haberá unha nova edición para xente que non puido participar esta vez?

-Non só queren vir os que non puideron inscribirse desta vez.Entre a xente que participou nesta primeira edición xa houbo varios que nos dixeron que estarían interesados en volver. Aínda temos que falar de como dar continuidade a esta experiencia, pero eu penso que un momento ideal sería o outono, por exemplo en novembro. Estas épocas son de temporada baixa noutras zonas, pero no que respecta ao patrimonio histórico da Ribeira Sacra non hai temporada baixa, ou non debería habela. Todas as épocas do ano son interesantes para coñecer este patrimonio.

-Aparte do románico, ¿que outras parcelas do patrimonio histórico da zona poderían servir como reclamo?

-Por exemplo, os conxuntos de pinturas renacentistas que se recuperaron en varias igrexas da zona. Ou tamén os petróglifos que están sendo descubertos agora en moitos lugares.