Unha iniciativa para recrear a tradicional cava dos viñedos

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A asociación O Colado do Vento planea unhas xornadas en torno a unha prática case desaparecida

05 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación cultural O Colado do Vento estuda a posibilidade de organizar unhas xornadas para recrear e divulgar unha prática agrícola tradicional que hoxe está case desaparecida na Ribeira Sacra. Trátase da cava dos viñedos, un labor que nas últimas décadas foi caendo en desuso e que hoxe só se realiza de forma moi esporádica. A actividade aínda non se planificou nin hai datas fixadas para levala a cabo, pero foi proposta nunha asemblea que o colectivo celebrou a pasada fin de semana en Sober a fin de deseñar o seu programa para este ano.

A cava das viñas, que foi en tempos unha actividade habitual nas terras vitícolas da zona, ten entre as súas principais finalidades a eliminación das herbas silvestres que crecen nos cultivos. Tradicionalmente praticábase unha primeira cava invernal, que era seguida máis adiante por outra -denominada renda-, co obxectivo de impedir que as herbas rebrotasen. O costume foi perdéndose pola extrema dureza que supón o traballo e o elevado custo da man de obra. O máis habitual é que se substitúa polo uso de herbicidas industriais, que representa un serio problema medioambiental. Outra técnica menos agresiva para limpar o terreo consiste en acolchalo con camadas de palla, pero ten o inconveniente de causar a acumulación de humidade e a putrefacción da materia orgánica.

Outras actividades

Por outra parte, a asociación ten previsto continuar ao longo deste ano as actividades de localización e divulgación do patrimonio histórico da comarca que desenvolveu durante o 2015. Na referida asemblea resaltouse o feito de que algúns membros do colectivo descubriron nos últimos meses no municipio de Sober varios importantes conxuntos de petróglifos que non estaban inventariados pola Dirección Xeral de Patrimonio. A asociación tamén seguirá elaborando fichas descriptivas de bens culturais da zona para publicalos na páxina web Patrimonio Galego. Este labor ampliarase probablemente ao municipio de Pantón.

Neste aspecto, os membros do Colado do Vento queren prestar especial atención nos próximos meses aos esgrafiados ou deseños decorativos que se realizaban antigamente con cal nas fachadas das vivendas. «Esta é unha parte importante do patrimonio etnográfico da que non nos ocupáramos ata agora», sinala a presidenta do colectivo, Paula Vázquez.

Outra actividade que ten proxectada a asociación consistirá en reivindicar o valor do conxunto de pinturas murais renacentistas que se conserva na igrexa de Pinol, en Sober. Para o mes de decembro, por outro lado, está previsto editar en papel unha publicación que recolla as investigacións realizadas recentemente por integrantes do colectivo sobre diversos aspectos do patrimonio histórico da zona, como os petróglifos e os libros de fábrica das igrexas antigas.

Así mesmo, a asociación continuará organizando durante este ano rutas culturais polo sur lucense e por outras partes de Galicia. Unha delas consistirá nun percorrido por Monforte baseado na vida e na obra do poeta Lois Pereiro, que se organizará en colaboración con outros colectivos. Tamén está previsto organizar unha marcha pola ruta de sendeirismo que vai de Lobios aos Chancís -en Sober- en cooperación coa asociación lucense Acivro. No programa do Colado do Vento para o 2016 figuran ademais varias viaxes pola Serra do Courel e os municipios ourensáns de Trives, San Xoán de Río e Bande.