Unha homenaxe artística múltiple a Lois Pereiro

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

FRANCISCO ALBO

Unha exposición, unha proxección de vídeo e unha actuación musical lembraron ao poeta en Monforte

24 mar 2016 . Actualizado a las 12:20 h.

A Casa de Cultura de Monforte, que desde o ano pasado leva o nome de Lois Pereiro, acolleu onte unha homenaxe ao poeta na que confluíron varios tipos de expresión artística. A iniciativa, promovida pola asociación cultural Náufragos do Paradiso, estaba vinculada ao proxecto Cicloxénese Cultural, impulsado polo colectivo Trabalingua e a área de normalización lingüística da Universidade de Vigo. Ao acto asistiron a familia do escritor e representantes da corporación municipal.

Por unha parte, na sala de exposicións do centro foi instalada unha serie de ilustracións do artista plástico Emilio Cabezas, titulada Lois Not Dead e inspirada nos poemas de Pereiro. Estas obras -segundo explicou o propio autor- foron creadas no 2011, o ano no que o Día das Letras Galegas foi dedicado ao poeta monfortino, e expuxéronse no seu momento en diversas localidades como Vigo, A Guarda e Tui. O artista decidiu ceder esta colección a un centro educativo de Monforte, que foi escollido mediante un sorteo ao final do propio acto celebrado na Casa de Cultura. As obras quedarán en poder do instituto A Pinguela. Os organizadores decidiron que no sorteo participasen só os centros de ensino medio, dado que que a complexidade da obra literaria de Pereiro non resulta accesible para lectores infantís.

No auditorio do edificio, por outro lado, foi proxectado o vídeo Remorsos, do realizador monfortino Manuel Valcárcel. A obra consiste nunha interpretación visual do poema de Pereiro do mesmo título e foi gravado recentemente nas rúas de Monforte. Esta peza recibiu unha mención especial do xurado no recente certame Siluetas Furtivas, convocado dentro do mencionado proxecto Cicloxénese Cultural. Todas as obras presentadas a este concurso -ilustracións e vídeos- teñen en común o feito de basearse en textos literarios do poeta.

Retrato musical

O programa de actos comprendeu ademais a interpretación dunha peza musical para baixo eléctrico creada expresamente para esta homenaxe por Gonzalo Herrero, director da Escola de Música Moderna de Monforte. O compositor explicou o proceso de elaboración da obra -titulada Retrato para Lois-, que comezou sendo unha variación de Portrait of Tracy, unha peza do baixista estadounidense Jaco Pastorius, para converterse ao final en algo considerablemente diferente. Ao longo do acto, así mesmo, varias persoas participaron nun recital de poemas de Lois Pereiro, entre os que se contaron os titulados Transmigración, Entre amigos e Amor e sangue en Chiapas.

O proxecto Cicloxénese Cultural, dentro do cal se inscribiu a homenaxe celebrada onte en Monforte, iniciou a súa andaina na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo e foi impulsado polas estudantes Iria Presa e Xandra Táboas. O seu obxectivo inicial consistía en denunciar os recortes en educación e promover a cultura contemporánea en lingua galega. Desde o principio, a iniciativa adoptou como icona a figura e a obra literaria de Lois Pereiro.

Outras actividades

O pasado 16 de febreiro, data do 58 aniversario do nacemento de Pereiro, os numerosos colaboradores con que conta a Cicloxénese Cultural iniciaron unha serie de actividades de homenaxe ao poeta que se desenvolveron en Vigo, A Coruña e outras localidades. O proxecto estendeuse ademais a Estados Unidos con varias iniciativas. Nas universidades de California e Connecticut exhibíronse as ilustracións presentadas ao certame Siluetas Furtivas e en dúas salas de concertos de Nova York houbo actuacións dos grupos Fluzo e Xenderal, baixo o título de Galician Cultural Cyclogenesis. A homenaxe organizada en Monforte alude por outro lado ao vixésimo aniversario do pasamento do escritor, que se cumprirá o 24 de maio.

Ampla difusión en internet

As actividades encadradas proxecto Cicloxénese Cultural están a ser difundidas amplamente a través de Internet. A iniciativa conta cun perfil en Facebook onde se exhiben todas as ilustracións e videocreacións presentadas ao certame Siluetas Furtivas.Iria Presas tamén divulga a iniciativa mediante unha páxina web en inglés, no enderezo Boomdias.com.