
Foxo publicará en breve un extenso cancioneiro popular das terras de Quiroga e Ribas de Sil
23 mar 2016 . Actualizado a las 22:51 h.O director da Real Banda de gaitas de Ourense, Xosé Lois Foxo -natural de Romeor do Courel-, está a punto de dar ao prelo o Cancioneiro antropolóxico de Quiroga, Ribas de Sil e a montaña do Lor, unha nova obra sobre o patrimonio musical da súa comarca natal. Anteriormente publicou tres volumes sobre a música popular da Serra do Courel e outro sobre os cantores de Forgas, na Pobra do Brollón.
-¿Por que chama «antropolóxico» a este cancioneiro?
-En realidade debían chamarse todos así, porque música tradicional forma parte do patrimonio antropolóxico e cultural de cada pobo. Esta obra é unha recopilación de cantigas e melodías, pero contén tamén moita información sobre o contexto social en que se creou esta música. Creo que unha parte moi importante do interese do libro está na súa documentación gráfica. Conseguín reunir moitas fotografías de antigos músicos e bandas da zona, sobre todo a partir de 1900. A máis vella é de en torno a 1888.
-¿Como se desenvolveu o traballo de recollida?
-Foi un proceso laborioso que se levou cabo durante moitos anos. Moitas das persoas que achegaron cantigas e melodías xa faleceron e en moitos casos cóntanse entre os últimos habitantes de aldeas que hoxe están vacías, como Cereixido ou Enciñeira, en Quiroga. Se este traballo se tivese feito hai cincuenta anos ou antes, podíanse ter conservado moitísimas máis composicións. É unha pena, pero de todos modos estou contento de ter preservado un patrimonio que doutra maneira se tería perdido. Hai moitos cantares que se repiten dun sitio a outro, pero sempre teñen variacións que fai que sexan únicos de cada lugar.
-¿Na zona houbo músicos populares que vivisen só da música?
-Houbo algúns, como os cegos que cantaban as coplas polas feiras. Recollín cantares moi interesantes de dous deles, o Cego de Outeiro e o Cego de Eixón. Non cheguei a coñecer a ningún deles, pero nos dous casos puiden contactar coas súas fillas, que lembraban a maior parte dos repertorios. Había outro que chamaban o Cego da Enciñeira, que realmente non era cego pero facíase pasar por tal. Houbo outros que tamén o facían, para aproveitar os privilexios que se lles recoñecían aos cantores cegos. E tamén estaban algúns gaiteiros que subían ao tren, tocaban para os pasaxeiros nos traxectos entre Ponferrada, Monforte ou Lugo, e vivían do que lles daban. Foi o caso dun que chamaban Penelo, de San Clodio, e outro coñecido como o Terratrás, de Torbeo. É unha tradición moi curiosa. Hoxe está totalmente prohibido tocar dentro dos trens.
-¿A obra inclúe gravacións orixinais?
-Si, o libro irá acompañado de catro cedés e un deuvedé con interpretacións de moitos destes músicos populares. En total puiden reunir cerca de trescentas horas de gravacións e facer a selección deume un traballo enorme. Penso que este material é especialmente interesante porque mostra a fonética popular do galego tal como era noutros tempos. Hoxe en día a pronuncia está moi uniformizada pola influencia da escolarización e dos medios de comunicación, pero antes cada aldea tiña un xeito de falar diferente. Se escoitamos falar e cantar a xente con 90 anos de idade, nótase que a súa fonética é moi distinta da de hoxe.