O lobo, un posible axente turístico

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

A Serra do Courel acollerá unha experiencia de turismo de natureza sen precedentes no sur lucense

17 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os lobos non serviron ata agora como base para ningunha iniciativa turística no sur lucense, pero a partir de agora haberá un precedente neste terreo. O albergue de Quiroga organizará o 30 deste mes e o primeiro de maio unhas xornadas que teñen por obxectivo facer deste animal «un axente activo no desenvolvemento social e económico da comarca, tal e como está pasando noutras partes do mundo».

As xornadas serán dirixidas por Agustín Pérez Souto, un naturalista de campo que leva anos rastreando a presenza dos lobos en diversas zonas de Galicia. Segundo explica, avistar estes animais no seu medio natural é moi difícil, pero non é tanto localizar os seus rastros -pegadas e dexeccións-, que é unha das actividades previstas. O programa comprende un percorrido guiado que se fará por zonas da serra das que se sabe que son frecuentadas por lobos. «Trátase basicamente de aprender a coñecer o seu territorio», engade.

Non obstante, como non se descarta a posibilidade de ver algún lobo durante o percorrido -o que depende moito das condicións meteorolóxicas, precisa o naturalista-, os organizadores recomendan levar prismáticos ou cámaras fotográficas con teleobxectivos de máis de catrocentos milímetros. O programa inclúe ademais unha visita a un gandeiro da zona que ten por finalidade coñecer «os mecanismos de defensa tradicional fronte á acción depredadora do lobo», segundo explican desde a empresa Tourgalia, que xestiona o albergue de Quiroga. A inscrición para a xornada do sábado 30 custa corenta euros e o prezo de todo o programa ascende a 75.

Un intento de «rachar coa visión despectiva» que rodea á especie desde hai séculos

Os organizadores das xornadas pretenden que esta iniciativa contribúa a conservación medioambiental mediante a difusión dos coñecementos científicos sobre animal que arrastra unha imaxe sumamente negativa desde hai séculos. «Queremos rachar coa visión despectiva que se ten deste mamífero para recoñecerlle o seu valioso papel nos ecosistemas que habita», apunta a este respecto Juan Luis Vázquez, o xerente de Tourgalia. O feito de dedicar unhas xornadas ao lobo ibérico -engade- está relaciondo coa intención «poñer en marcha iniciativas que xeren riqueza e un importante fluxo turístico sen prexuízo para a contorna».

Por outra parte, os promotores das xornadas esperan que esta iniciativa axude a sentar as bases para unha maior sensibilización social acerca da importancia que poden ter as poboacións de lobos para a conservación do medio natural e que dea pé a novas experiencias deste tipo.