
O municipio alberga unha das poucas poboacións galegas do anfibio máis escaso e vulnerable do noroeste ibérico
29 nov 2022 . Actualizado a las 10:38 h.Un dos aspectos menos coñecidos do patrimonio natural de Monforte é o da existencia no territorio municipal dunha importante poboación de sapo de esporóns (Pelobates cultripes), chamado sapo de espuelas en castelán. Esta especie está presente unicamente na Península Ibérica e en certas zonas do sur de Francia. Na actualidade encóntrase en regresión en todas partes e en Galicia só se conserva en moi poucos lugares. Hoxe está considerado como o anfibio máis escaso e ameazado do noroeste peninsular.
O biólogo Martiño Cabana, membro da Asociación Galega de Custodia do Territorio, sinala que esta colonia monfortina ofrece un interese especial por ser a única da provincia e tamén unha das mellor conservadas do interior de Galicia. En realidade -agrega- trátase de dúas poboacións diferentes. Unha delas está na zona do campo de tiro das Lamas, en terreos de titularidade municipal, e a outra ocupa unha canteira abandonada de propiedade privada que se localiza na parroquia da Vide.
En ambos lugares, os sapos de esporóns sobreviven grazas á existencia de pequenas charcas onde poden reproducirse. Este tipo de hábitat é o preferido da especie, que non frecuenta os ríos nin as zonas boscosas. «Antes debían estar moito máis estendidos pola zona, pero só lles quedan estes refuxios», di Cabana.
Pequenas e ailladas
Por outro lado, o biólogo apunta que o principal problema destas colonias é que son de pequeno tamaño e están moi ailladas dos demais territorios galegos onde sobrevive o sapo de esporóns. A especie, de hábitos nocturnos e terrestres, necesita sobre todo que haxa pequenas zonas húmidas para poder criar.
Crear novas charcas axudaría a conservar as colonias locais
Favorecer a conservación das colonias do sapo de esporóns en Monforte non resultaría moi complicado nin custoso, segundo indica Martiño Cabana. «O único que habería que facer é crear algunhas pequenas charcas artificiais no entorno das zonas onde están asentados estes animais para facilitar a súa reprodución», apunta. Este traballo ?engade? podería realizarse en pouco tempo cunha pá escavadora, despois de seleccionar os lugares máis adecuados.
Tanto en Monforte como nos demais territorios onde está presente a especie, explica por outra parte o biólogo, unha das principais ameazas para a súa supervivencia é a desecación das charcas que lle serven como áreas de cría. Cabana sinala así mesmo que o sapo de esporóns soporta moi mal a presenza de especies invasoras como o cangrexo americano, a perca americana o e carpín dourado que se cría en acuarios e estanques. Ademais, como outros anfibios de hábitos nocturnos, pode ser atropelado facilmente ao atravesar as estradas e os camiños cando se dirixe ás zonas de cría.
A costa atlántica e algúns enclaves do interior son os últimos redutos en Galicia
Un mapa publicado no 2010 no Boletín de la Sociedad Herpetológica Española indica a situación das escasas colonias galegas do sapo de esporóns que foron localizadas entre o 2006 e o 2009 por un equipo de investigadores formado por Martiño Cabana, Pedro Galán e Ricardo Ferreiro. Unha grande parte delas encóntrase na costa atlántica. No interior só se coñecen catro. Segundo os científicos, as máis importantes son as de Monforte e a comarca da Limia. As outras dúas están no Barco de Valdeorras e Monterrei.
Segundo explica Cabana, as poboacións de Monforte están hoxe nun estado de conservación relativamente bon en comparación cos outros enclaves do interior, «aínda que a situación nesa zona tampouco é unha marabilla». Moito máis problemático ?agrega? é o estado da colonia localizada no Barco de Valdeorras, que se encontra precisamente nos terreos do polígono industrial local. Os investigadores consideran que este núcleo pode estar xa en vías de extinción.
Características biolóxicas
O sapo de esporóns distínguese facilmente do sapo común pola súa coloración a base de manchas irregulares e os seus ollos grandes e prominentes, cunha pupila de forma vertical. O seu tamaño oscila normalmente entre os sete o os dez centímetros e as femias son máis voluminosas que os machos. O seu nome débese a uns esporóns escuros que ten na planta dos pés e que utiliza para cavar buratos e refuxiarse na terra. Permanece activo todo o ano e súa época de celo pode comezar a finais de outubro.