«Escribir teatro radiofónico é para min como traballar cunha venda nos ollos»
![Francisco Albo](https://img.lavdg.com/sc/vsJ5lpqb9oMNCO8nAGgplh3_93w=/75x75/perfiles/60/1422317876663_thumb.jpg)
LEMOS
A dramaturga e directora da escola teatral de Sober está a competir como finalista nun certame que xa gañara no 2012
31 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A dramaturga e directora teatral Eva F. Ferreira clasificouse como finalista no premio de teatro radiofónico Diario Cultural, outorgado por Radio Galega e o Centro Dramático Galego, cunha peza titulada O quinto inverno. A autora xa gañara no 2012 o primeiro destes premios coa obra Poema sinestésico para tres voces e un can. Ferreira dirixe en Sober a escola municipal de teatro.
-¿A peza xa se está a emitir por radio?
-Aínda tardará un par de meses, porque hai que facer unha adaptación técnica e realizar as gravacións. Todas as pezas elixidas como finalistas serán emitidas en diferentes programas de Radio Galega e o público poderá votar.
-¿Hai similitudes entre esta obra e a que lle premiaron antes neste certame?
- Na peza anterior xogaba máis co absurdo e tiña unha intención máis satírica?. O quinto inverno é un exercicio de escoita máis apegado ao cotián e ao real. Sempre hai un pouso de crítica ou un intento de visibilizar cousas que me chocan, pero neste caso minimizando o recurso do humor como distanciamento. Ningunha delas ten argumento nin personaxes no sentido máis clásico, porque non me interesa describir a fondura psicolóxica senón apuntar comportamentos, imaxes ou frases que me parecen interesantes ou poéticas, mesmo sen pretendelo.
-En Galicia non hai moita tradición de teatro radiofónico.
-Non, nin en Galicia nin no resto de España. Por iso tiven que buscar modelos noutros lugares.
Hai moita tradición noutros países, como o Reino Unido, onde dramaturgos moi importantes como Samuel Beckett ou Harold Pinter escribiron obras concebidas expresamente para a radio. O teatro radiofónico tamén ten importancia en Alemaña ou na América Latina. Agora ben, non pretendo repetir eses modelos clásicos senón experimentar e crear cousas novas a partir deles.
-¿Que diferenza hai entre escribir para a radio e para a escena?
-Non é máis fácil nin máis difícil. Hai que prescindir de todos os elementos visuais do teatro e focalizar a obra na escoita. Para min é como traballar cunha venda sobre os ollos. É unha limitación moi grande pero por outro lado creo que ofrece máis posibilidades e máis liberdade. Por teatro radiofónico hai que entender obras escritas para este medio e que experimenten coas súas posibilidades, non a simple retransmisión por radio dunha obra de teatro calquera.
-¿Que está facendo na escola de teatro de Sober?
-Temos formados dous grupos, un de adultos e outro de nenos. Mellor dito, adultas e nenas, porque son todas mulleres. Co grupo adulto estamos preparando unha adaptación dunha obra de Luigi Pirandello. Para o grupo infantil estamos buscando un texto que non repita os típicos roles de mulleres e homes e tamén que eduque en valores.
-¿Traballa noutros lugares?
-Tamén dou clases de teatro en Quiroga e imparto unha actividade que chamo «risoteatro» para a asociación veciñal de Rioseco, en Monforte. Ademais, dou obradoiros de escrita creativa en diversos sitios. Para este ano tamén teño en perspectiva un proxecto cunha documentalista mexicana. É un traballo de investigación sobre memoria, a viaxe e oamor que dará lugar a unha performance audiovisual na Cidade de México grazas a unha residencia artística.
-Antes tamén ensinou teatro en Monforte.
-Si, traballei catro anos na aula municipal de teatro, unha iniciativa da concelleira Pilar López que non tivo continuidade, como sucede en Monforte con todas as cousas relacionadas coa cultura. Na comarca de Lemos, a nivel administracións, e exceptuando o caso de Sober, non hai unha aposta pola cultura e as creadoras contemporáneas que aquí viven e pretenden vivir do seu traballo. Isto empobrece os lugares e á xente que vive neles, que está necesitada de estímulos artísticos e creativos, que desde logo non se satisfacen tendo teatro unha vez cada dous meses.