
A Xunta incluirá esta figura de protección na nova lei do patrimonio natural, que xa comezou a tramitarse
07 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A Xunta iniciou a semana pasada a tramitación dunha nova lei do patrimonio natural que -segundo indicaron fontes do Goberno autonómico- contemplará a creación de microrreservas ou espazos protexidos de pequenas dimensións. O recoñecemento oficial desta nova figura de protección foi suxerido á Xunta pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), que puxo como exemplo as catro microrreservas de flora que se crearon no 2015 na Serra do Courel dentro dun proxecto no que participaron comunidades de montes e propietarios particulares.
Segundo o Goberno galego, a nova figura das microrreservas terá por finalidade «preservar e protexer aqueles espazos cunha superficie inferior a vinte hectáreas que conteñan hábitats raros ou especies ameazadas». As que foron creadas no Courel por iniciativa da AGCT ocupan en conxunto menos de cinco hectáreas e están divididas en catro zonas, denominadas respectivamente Alto da Pedra, Alto do Couto, Monte Cido e Afloramento de Visuña. O seu obxectivo é conservar unhas comunidades de orquídeas silvestres de especies pouco comúns, que crecen en terreos calizas.
Segundo explica Martiño Cabana, biólogo da AGCT, a asociación valorou que a Xunta tomase en conta as súas suxestións. «Pero de momento non sabemos nada acerca de como se vai concretar esa medida na redacción da nova lei», puntualiza. «E non basta só que esta figura teña un recoñecemento legal, senón que para que sexa efectiva hai que desenvolvela destinando orzamentos para realizar labores de conservación nesas zonas», engade.
Na actualidade, xunto coas do Courel, a AGCT xestiona outras microrreservas no municipio coruñés de Melide cuxa finalidade é protexer a flora asociada a unhas singulares formacións rochosas de tipo serpentínico. Estas son as únicas experiencias deste tipo realizadas ata agora en Galicia, ademais doutras similares que foron impulsadas na Costa da Morte pola asociación ecoloxista Adega.
Con axuda oficial
Aínda que o proxecto de creación das microrreservas do Courel contou con financiamento da Dirección Xeral de Protección da Natureza, estas áreas protexidas non teñen ata agora ningún recoñecemento legal. En Galicia, as microrreservas aínda non foron recoñecidas oficialmente como áreas naturais protexidas, algo que si sucedeu xa noutras comunidades.
A oficialización das microrreservas por parte da Xunta, apunta Martiño Cabana, pode dar pé á creación de novas zonas protexidas deste tipo noutras partes da serra. «Estamos estudando agora unha pequena área nos arredores da aldea de Hórreos onde pensamos que sería interesante crear outra microrreserva de flora», explica. «En realidade, praticamente en toda Galicia hai lugares que poderían converterse en microrreservas por contar con comunidades vexetais raras e ameazadas», agrega
A creación destas áreas, hai dous anos, foi posta como exemplo ao Goberno galego
Outras medidas para protexer os refuxios de fauna ameazada
Segundo o criterio da Asociación Galega de Custodia do Territorio, as microrreservas son a figura máis adecuada para protexer e conservar pequenas comunidades de plantas de especies raras e escasas, como é o caso das poboacións de orquídeas silvestres da Serra do Courel. O colectivo considera en cambio que este modelo non é apto para a conservación de enclaves de especial valor faunístico, como pode ser a Cova das Choias -no municipio da Pobra do Brollón-, que alberga unha importante colonia de morcegos que comprende dúas especies ameazadas. Este tamén sería o caso dunha pequena zona húmida situada en Monforte onde vive unha das poucas poboacións galegas do sapo de esporóns, o anfibio máis escaso do noroeste ibérico.
Martiño Cabana apunta que a protección dunha área de só vinte hectáreas pode resultar operativa para as plantas, pero non para os animais. «Protexer só a Cova das Choias sen protexer todo o seu entorno non ten sentido para os morcegos, que poden percorrer moitos quilómetros todos os días», explica.
Para estes casos, a AGCT considera máis aconsellable establecer outros tipos de área protexida que xa figuran actualmente na lexislación ambiental galega, pero que ata agora apenas foron aplicadas. «Están os espazos privados de interese natural, que poden ser dunha comunidade de montes ou dun só propietario, e os espazos publicos de interese natural», apunta Cabana. «A declaración destas zonas pode ser solicitada por particulares, por asociación ou por concellos, e podería ser útil para conservar refuxios da fauna de especial valor», comenta o biólogo.