¿As microrreservas de orquídeas do Courel necesitan un director?

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

Presentan alegacións contra as propostas da Xunta para recoñecer legalmente estes espazos naturais protexidos

02 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As catro microrreservas de orquídeas silvestres que foron creadas no 2015 na Serra do Courel poderían necesitar un director e unha xunta reitora para ser recoñecidas oficialmente pola Xunta, en caso de que non se modifique o anteproxecto da nova Lei de Patrimonio Natural que prepara o Goberno galego. Esta medida é tida como innecesaria por varias entidades conservacionistas que acaban de presentar unha serie de alegacións ao referido anteproxecto. Entre elas encóntrase a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), que promoveu a creación destes espazos protexidos en colaboración coas comunidades de montes das parroquias de Moreda e Visuña e cos donos dun terreo particular.

Segundo o texto do anteproxecto de lei, as microrreservas naturais poderán dispor dunha persoa que ostente a súa dirección e dunha xunta reitora cando así o estimen as normas de declaración oficial destes espazos. Os autores das alegacións consideran «incomprensible» que uns territorios de extensión tan reducida -que en todo caso poderán cubrir un máximo de vinte hectáreas- necesiten un director «e menos aínda unha xunta reitora» para a súa xestión. As microrreservas do Courel ocupan en total menos de cinco hectáreas de prados calizos.

 

Outro modelo

Os referidos colectivos opinan que un organigrama directivo deste tipo é lóxico para os espazos protexidos de maior magnitude -como poden ser os parques nacionais e naturais-, pero que «non é viable para unha figura de pequena extensión e nula conflitividade como son as microrreservas». O feito de non dispoñer dunha xunta reitora -engaden- «non implica que a consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural non poida realizar as xuntanzas e consultas necesarias para a boa conservación do espazo».

Nas alegacións, polo tanto, solicítase que o texto definitivo da lei elimine a posibilidade de designar directores e xuntas reitoras para estes espazos. Por outro lado, pídese que a nova normativa permita ás entidades de custodia do territorio facerse cargo da xestión das microrreservas que designe a administración autonómica. Esta opción -segundo os mencionados colectivos- é especialmente interesante cando estas reservas naturais se establecen en terreos particulares, tanto comunais como individuais, xa que «moitas veces os propietarios privados desconfían das administracións públicas para permitir a xestión das súas propiedades con fins de conservación».

Por outra parte, os grupos conservacionistas propoñen que estes espazos se administren mediante un «breve plan de coxestión» aprobado pola Xunta. Piden ademais que se teña en conta o feito de que un bon número de microrreservas situadas en propiedades privadas só poderán designarse como tais coa mediación das entidades de custodia, xa que elas mesmas -como sucede no caso do Courel- se encargan de delimitalas e xestionalas.

Proposición para a declaración oficial e para que a medida non teña carácter temporal

Ademais da AGCT, as alegacións ao anteproxecto da Lei de Patrimonio Natural foron asinadas polo Foro de Redes y Entidades de Custodia del Territorio, o Grupo Naturalista Hábitat, a asociación Drosera e a Sociedade Galega de Ornitoloxía. No que respecta ás microrreservas, estes colectivos piden así mesmo que non sexan declaradas mediante un decreto -como propón a Xunta-, porque ao seu xuízo iso «complica a propia tramitación e dificulta a aplicación da dita medida».

No seu lugar, solicitan que as microrreservas se declaren a través dunha orde, como se fai actualmente na Comunidade Valenciana.

Por outra parte, os redactores das alegacións critican o feito de que o anteproxecto propoña que as microrreservas sexan declaradas como tais «por un prazo de tempo determinado». Esta temporalidade -puntualizan- non aparece na normativa legal de ningunha das comunidades que xa recoñeceron esta figura de protección e ao seu parecer resultaría «totalmente prexudicial para o seu funcionamento».

 

Vías de financiamento

As alegacións conteñen ademais unha proposta para que a futura Lei de Patrimonio Natural estableza unha vía de financiamento específico para as microrreservas mediante axudas económicas «ás que poidan optar as persoas públicas ou privadas que realizan accións de mantemento, mellora e conservación» destes espazos e dos valores naturais que pretenden protexer.